Martes. 23.04.2024
El tiempo

Manuel de Talelo: As secuelas da falta de vixilancia na Reserva Mariña dos Miñarzos

A sociedade carnotá mobilízase para pedir o indulto ao percebeiro carnotán condenado por loitar contra os furtivos

Percebero Foto-Juanma Ronquete para Liresca
Foto dun percebeiro de Juanma Ronquete para Liresca
Manuel de Talelo: As secuelas da falta de vixilancia na Reserva Mariña dos Miñarzos

A historia de Manuel Martínez Lustres, Manuel de Talelo, é unha desas que deixan unha familia absolutamente destrozada e un pobo tremendamente indignado. Porque a historia de Manuel de Talelo fala ás claras de como a inacción das administracións deixando aos sós profesionais, neste caso do mar, ante os perigos da contorna, provoca secuelas imposibles de borrar.

Manuel de Talelo vén de coñecer que ten que ingresar en prisión. A Audiencia Provincial acaba de condenalo a 3 anos de prisión, por unha agresión realizada en 2013 contra dous furtivos. Despois de 6 anos de litixio, o medo a pasar unha soa noite baixo os ferros, fai tremer a unha familia absolutamente normal, traballadora. 

O asunto remóntanse ao verán de 2013. Daquela, a Xunta xa convertira en papel mollado a Reserva Mariña dos MIñarzos, unha iniciativa pioneira no mundo enteiro. A Xunta decidiu eliminar a vixilancia da zona, deixándoa á deriva, obrigando aos propios profesionais a controlar aos furtivos.“A situación da Reserva sen vixilancia é criminal”, xa recoñecían varios vixilantes en 2014.

Nunha destas situacións, aló polo verán de 2013, uns percebeiros de Lira viron uns furtivos que estaban traballando nas pedras dos Miñarzos. Sen pensalo demasiado, déronlle un golpe ao coche dos furtivos. Esa mesma noite volveron os furtivos a Lira, e estiveron boa parte da mesma intimidando na casa dos percebeiros, coa Garda Civil detrás deles… Lembran pola zona que foi unha noite tremendamente complicada…

Poucos días despois, os furtivos seguían campando ás súas anchas pola zona, e achegáronse ata a caseta onde traballa Manuel cos seus aparellos. Manuel sentiuse ameazado, e lanzoulle a raspeta a un dos furtivos facéndolle unha fonda ferida.

Os furtivos non volveron por aí, pero si a Policía Xudicial. Denunciaran a agresión.

A partir de aí pasaron 6 anos de litixio, de calvario, de gastos das costas, cunha defensa, aseguran, algo feble. Semella difícil de entender que unha agresión, en clara defensa propia, remate cunha condena de 3 anos de prisión.

Mobilización

A sociedade carnotá comezou a mobilizarse estas semanas. Algo tarde, pero vendo as orellas ao lobo, comezou unha recolleita de 2000 sinaturas en apenas 3 días, pedindo o indulto para Manuel.

Curiosamente, foi o club de fútbol, Lira C.F. un dos máximos impulsores desta mobilización. Unha mobilización que se ben non ten moitas trazas de conseguir impedir que Manuel entre en prisión, si que pode servir de apoio moral para que supere os difíciles tempos que lle quedan.

Así, o sábado ás 17:00h diante da Lonxa de Lira, haberá unha importante concentración, con lectura dun comunicado de apoio e no que solicitan o indulto, e na que se despregará unha pancarta.

Novas relacionadas

Comentarios