Martes. 17.09.2019
El tiempo

Da vixilancia nos Miñarzos: A Reserva de papel

Da vixilancia nos Miñarzos: A Reserva de papel
Mariscadoras traballando nas rochas da reserva Mariña de Os Miñarzos de Lira - Foto- Rebeca Hermo para Pensanomedio

O pasado 28 de xuño a Xunta facía unha enmenda, in extremis, para prorrogar o servizo de vixilancia da Reserva Mariña dos Miñarzos, en Lira Carnota. Pero dende o 1 de agosto, a Reserva están sen vixilancia específica, e só o Servizo de Gardacostas tradicional o que procura manter a zona sen furtivismo. Un retroceso que ademais, como apuntan dende Lira, sería moi grave, pois tras todo o conseguido, de volveren a poder faenar os furtivos da zona, faría falta moito traballo de novo para recuperar a situación actual.
A situación agrávase vendo a posición da Xunta, que, de xeito inverosímil, pedía aos pósitos máis traballos de concienciación, cando son eles os que levan o nome de Galicia polo mundo enteiro e sen apenas apoio institucional.

Queda pois esta experiencia piloto a nivel mundial nunha "reserva de papel", como denuncia hoxe, a Presidenta das Mariscadoras de Lira, Pilar Genoveva Blanco Blanco, que quere facer público o malestar do colectivo, enviando unha carta á Conselleira de Pesca. Pilar explica en primeira persoa, como o facía a compañeira Josefa Fernández en WWF, a incidencia da experiencia da Reserva no seu traballo.

Carta da Presidenta das Mariscadoras de Lira á Conselleira do Mar

Estimada Conselleira:

Como presidenta da Agrupación de Mariscadoras de Lira dirixome a vostede para trasladarlle o malestar de todo colectivo que represento pola medida tomada de eliminación da vixilancia específica da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro de “Os Miñarzos”.

Lamentamos enormemente que se tomara esta decisión, que o que fai é botar por terra tódalas ilusións que tiñamos depositadas nun proxecto que xa estaba dando os seus froitos, e sen ir mais lonxe, no noso caso, onde o nivel de produtividade dos nosos bancos marisqueiros é moi escaso, como vostede ben coñece, e grazas a posta en marcha da Reserva mariña e a case total eliminación do furtivismo, os nosos ingresos aumentaron de forma considerable, nunha porcentaxe media dun 208 % con respecto ao ano 2007, ano previo ao establecemento da reserva e da vixilancia da mesma.

Despois de vivir unha situación tan precaria como a que vivimos, como consecuencia da desaparición da eoquina da praia de Carnota, onde poido ter algo que ver a catástrofe provocada polo Prestige, e despois de albiscar esperanzas de poder acadar uns ingresos mínimos có establecemento da reserva, atopámonos cunha medida tomada de forma unilateral, sen contar coa opinión do Organo de Xestión da mesma, que pode ser a puntilla definitiva para que as mariscadoras que compomos esta agrupación pasemos a engrosar parte desa lista cada vez máis longa de ease 6 millóns de persoas que se atopan sen traballo e eso teremos a quen “agradecerllo” e daquela acordarémonos de vostede.

Coa desparición da vixilancia da reserva mariña volvemos ao peor dos escenarios posibles, pasar a convivir có furtivismo, algo que xa considerabamos erradicado, có dificil que eso é Sra. Quintana, como vostede ben sabe.

Tamén somos conscientes da delicadísima situación económica que se está atravesando en tódolos ámbitos, máis temos constancia de que hai un estudo feito por unha comisión creada ao efecto na última reunión do organo de xestión, celebrada aló polo decembro do ano pasado, onde se prantexan medidas de aforro que abaratarían o Servizo pero que non foron tomadas en consideración xa que o organo de xestión ainda non se celebran, cando tiña que telo feito no mes de marzo.

Disde a agrupación que presido seguiremos, como ata agora, realizando gardas para intentar, na medida do posible preservar os recursos existentes, máis sen a vixilancia que tiñamos, somos conscientes de que os nosos esforzos serán en vano, xa que o Servizo de Gardacostas dificilmente poderá cubrir este espazo como se viña facendo ata a data, xa que cós efectivos dos que dispoñen ainda non chegan para facelo seu traballo para cubrir todo o litoral galego nunhas óptimas condicións.

Somos coñecedoras de que desde distintas instancias europeas estase a pedir ós gobernos a creación deste tipo de figiras como son as reservas mariñas, máis en Galicia, cando xa dispuñamos de dúas, creadas grazas ao interese e aposta do propio sector, vemos como o noso goberno, neste caso por iniciativa propia e sen consultar co sector, é quen as convirte en “reservas de papel”.

Sen máis, queremos volver a reiterarlle a nosa contrariedade pola retirada da vixilancia e pregámoslle que reconsidere a postura adoptada e repoña o Servizo á maior urxencia posible.

  • Pilar Genoveva Blanco Blanco, Presidenta da Agrupación de Mariscadoras de Lira.

Novas relacionadas

Máis novas sobre Lira

  • Lira, protagonista do Escaravajo verde da TVE.
  • Fonte

    • Nota de prensa da Coordinadora da Reserva Mariña dos Miñarzos

    Comentarios