O FEM, o necesario festival que visualiza á muller creadora entre os centros de ensino

Hai moitas maneiras de traballar no sistema educativo a igualdade, o feminismo. Nos últimos tempos, un dos programas que máis nos teñen enfeitizado é o Festival Escena Muller - FEM. Desenvolto pola compañía costeira Aantena, trátase dun festival que, durante os meses de marzo, abril e maio, encheu os centros de ensino de Vimianzo e Zas de espectáculos, mesas de reflexión, da man de actrices e creadoras audiovisuais, de educadoras sociais, de sociólogas… que foron, a través dos seus traballos e as súas experiencias persoais, afondando na “visualización da muller creadora”.
O festival, que conta coa colaboración da Deputación, está directamente enfocado a buscar “o empoderamento da muller nun mundo habitualmente dominado por olladas masculinas”, e de aí o protagonismo para ese grupo de mulleres creadoras galegas que lle trasladou a máis de 500 alumn@s de Infantil, Primaria, Secundaria ou FP as súas experiencias.

Tamén o público adulto puido disfrutar co espectáculo The switch, de Diana Sieira, onde explora dende feitos históricos o uso e manipulación da muller denominada bruxa noutros tempos.
Carme Conde trouxo Mikrama, un espectáculo de narración oral de historias tan pequeneiras, pero tan grandes na súa inmensidade e nace do froito das conversas recollidas con mulleres de entre 70 e 95 anos no Valmiñor, o Morrazo, o Courel, a Mariña Lucense, a Costa da Morte e o Couto Mixto sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude. Son historias de mulleres anónimas, sen voz na que Carme Conde é o seu altofalante.

Victoria Pérez levoulle aos máis novos contos teatralizados que celebran a diversidade e que racha cos estereotipos de xénero e o binarismo imposto dende que nacemos.
Dende unha a visión da educadora Noelia Darriba co seu obradoiro “O bo trato” Coloca no centro das nosas vidas o bo trato cara a nós mesmas. E sobre a “sexualidade” versou o relatorio de Judith Iglesias.
Foi Estíbaliz Veiga a que pechou este festival co espectáculo “Golpes”, un traballo que leva percorrendo os IES de toda Galicia, un texto necesario que busca que o espectador identifique todos e cada un dos índices sociais presentados na súa vida “de todos os días”, e que vexa canto traballo hai por facer para vivir nun mundo igualitario, como hai un golpe continúo contra do latexo social. Un espectáculo directo onde se amosa dun xeito entretido a desigualdade latente, e a dor que causa unha lacra social como é a violencia machista.

Aquí vos deixamos con algunha das píldoras deste festival, que podedes completar con esta playlist:
NOVAS RELACIONADAS
- Marzo 22: FEM, o Festival Escena Mulller que se celebra xa nos coles de Vimianzo e Zas.
- Xaneiro 22: Aantena recolle As Voces das Mulleres de Bergantiños.
- Novembro 21: A compañía costeira Aantena recibe unha bolsa para coproducir un espectáculo co Centro Dramático Galego.
- Setembro 21: aAntena recupera a historia dos nosos Naufraxios da Fin da Terra.