Venres. 03.05.2024
El tiempo

A Mostra Víndemo Ver de Carnota superou o tempo e asinou a súa edición máis numerosa

Vindemo Ver Carnota 2024-Csstos
A Mostra Víndemo Ver de Carnota superou o tempo e asinou a súa edición máis numerosa

Valoración positivísima a que fan as organizadoras municipais da XI edición da Mostra de Promoción Local de Carnota-Mercado da Deputación. A pesar do tempo, e dos cambios que houbo que facer pola súa culpa, houbo máis xente que nunca na vila, desfrutando dun programa variadísimo (mercado de proximidade, charlas, música, artesanía, deporte…), formulado para toda a familia. “Nunca houbera tanta xente en Carnota, os coches chegaban dende o Viso ata Maceiras”, sinala unha fachendosa Alianza Uhia.

Arrincaba o xoves a Mostra con chuvia, vento, frío… Pero así e todo houbo xentiña en todas partes e a todas horas.
Dábase por inaugurada a Mostra da man da deputada Soledad Agra e o rexedor Juan Manuel Saborido “Moma”, na charla con Santiago Llovo, autor do libro “A Salga no Son”, que viña moi acaecido tendo en conta que o fío condutor da feira deste ano era a pesca da sardiña.

A carpa do mercado acollía unha marea de postos de artesanía e de produtos de proximidade, obrigando aos asistentes a afloxar o peto. Os Gaiteiros de Longarela animaban a compra, e durante a mañá desenvolveuse un obradoiro de cerámica da man de Adisbismur con moita rapazada practicando as súas artes. A cestería tamén foi un dos fíos que ocuparon o tempo.
Pola tardiña, na carpa que tiveron que situar no descampado (non se puideron celebrar na praza do Concello polo que houbo menos espazo onde aparcar), abriron as sesións musiqueiras cos concertos de pequeno formato da man de Chiña, que meteuse a todo o público no peto, e Juan do Tractor, que fixo case que un karaoke coa xente.

O venres pola mañá era o día da xa famosa BTT. Saíron do pavillón 153 ciclistas, que quedaron contentos polo chula que foi a ruta, a pesar da lama que levaron para casa. O pavillón acollía durante o desenvolvemento da proba unha xincana para os pequenos. Durante a entrega de premios destacou o premio aos Guerreiros, o Club de Carnota recén formado, que foi o máis numeroso.

Vindemo Ver Carnota 2024-Xincanas nenos

O sol acompañou por momentos e o mercado encheuse para pasar a sesión vermú amenizada pola Charanga Santa Compaña. Pola tarde, a estrella foron os xogos de pesca a túa sardiña, no que os peques fixeron de pescadores.
Xa pola noitiña, divertidísimos os concertos “Ghachi Ki”, banda local formada por alumnos da ESMU de Carnota, que case que encheron a carpa. Moitos parabéns recibiu a organización tamén pola contratación de Los Lunes ao Sol, un grupo de versións, que levaron ao público a outros tempos.

Vindemo Ver Carnota 2024-Ruta
Andaina

Amencía o sábado cunha saraibada monumental, que facía que a metade dos 150 apuntados á preciosa andaina Andar ao mar quedasen en terra. Pero máis de 70 valentes desafiaron o tempo e disfrutar dunha das xoias do programa. Partiron de Lariño, pasaron por Lira e fixeron parada en Portocubelo, onde viron ás mulleres de Ximiela facendo a representación das peixeiras tecendo as redes. Despois de visitar a Caseta de Pepe do Cuco, colleron por Maceiras ata Carnota pola praia, para chegar á praza, onde gozaron dun vermú e un piscolabis.
Mestres Pakolas e a Coral Chan das Lamas facían as delicias dos pequenos e dos maiores. Na carpa volvían ser os Gaiteiros de Longarela os que amenizaban a mañá, igual que as de Ximiela pola tarde.

O sábado foi un día bulideiro, con xentes que quedaron todo o día, probando as delicias da pulpeira, dos postos das pizzas e das filloas, e sobre todo comendo nos bares da zona, a rebentar toda a fin de semana.

Vindemo Ver Carnota 2024-XUR Concerto
XUR en Concerto

Era hora do gran momento. Pola tarde, Xur meteuse ao público da súa casa no peto. O cantante liracho deu un concerto moi bonito, ao que a súa xente respondeu cos móbiles encendidos e cantando boa parte das súas cancións propias e versións.

Pola noite, chegou o gran concertazo de The Rapants. A banda muradá, unha das máis de moda de todo o país, como xa se vía vir, petaron a carpa e fixeron danzar coa súa “máquina do bo rollo” a toda a parroquia. A música durou ata as 3:30h e os bares disfrutaron doutra xornada completa.

Si que o domingo foi algo máis frouxo, con menos asistencia, pero Carnota reafirmouse como unha das citas obrigadas da Semana Santa da Costa da Morte.

 

Outras edicións

Comentarios