Luns. 14.10.2024
El tiempo

Natureza costeira para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente

Natureza costeira para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente

5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente. E para celebralo, a Deputación da Coruña dedicará esta semana a difundir a riqueza natural da provincia.

Baixo a etiqueta #DACNaturalmente, a institución provincial coruñesa invitará, a través das súas redes sociais, a descubrir datos e curiosidades acerca dalgúns dos enclaves naturais máis emblemáticos do territorio coruñés. E como non podía ser doutro xeito, a presencia costeira é importante. Por exemplo, a “Costa da Morte” e o Monte Pindo (Carnota), son dous dos 18 Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) incluidos na Rede Natura da provincia. “Costa da Morte” ademais é unha das 4 Zonas de Especial Protección de Aves (ZEPA).

O Día servirá para promocionar outros puntos como o complexo dunar de Corrubedo, que este ano cumprirá o 25 aniversario da súa declaración como Parque Natural; as 9.000 hectáreas de extensión da “xoia verde” da provincia: as Fragas do Eume, o bosque atlántico mellor conservado de Europa, ou a biodiversidade de flora e fauna autóctona que habita nos 17 concellos que conforman a Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

“Unha inmensa riqueza natural que dende a Deputación estamos axudando a preservar e divulgar”, afirmou o deputado responsable da área de Medio Ambiente, José Manuel Pequeño Castro, que subliñou a importancia de “sensibilizar á cidadanía da importancia de conservar estes tesouros naturais” e manifestou o “compromiso do goberno provincial nesta materia”, con medidas como o Plan de Medio Ambiente (PMA), dotado con 5 millóns de euros para o financiamento de 159 accións de mellora do entorno natural e a calidade ambiental nos 93 concellos coruñeses ou a campaña de limpeza de praias, na que a Deputación inviste cada ano preto de 1 millón de euros para axudar a que os areais coruñeses estean cada día en óptimas condicións durante a tempada estival.

De feito, o PMA impulsou a creación ou rehabilitación de 23 zonas verdes na provincia da Coruña, entre elas as de Dumbría, Malpica, Muxía, e Carnota.

Fonte

  • Deputación.
Gabinete de Prensa

Comentarios