O Carballo Anano do Pindo ten descendencia in vitro


Leva dende 2011 no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. En 2013 foi aquel incendio devastador o que case acaba con ela. Pero nada pode co Quercus lusitanica, especie que sobrevive en Galicia unicamente no Monte Pindo.
Falamos do famoso carballo anano, que agora ten o seu futuro garantido gracias a un estudo Instituto de Investigacións Agrobiológicas de Galicia (IIAG), dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), en colaboración coa Asociación Monte Pindo Parque Natural. A través dunha iniciativa destinada a conservar mediante técnicas de laboratorio, o proxecto realizou “a creación dun banco de xermoplasma para garantir o futuro do carballo anano, mediante un innovador proceso de biotecnoloxía vexetal baseado no cultivo in vitro”. Xa se está a estudar a reintrodución dos novos plantóns producidos por esta técnica no seu hábitat natural, para reforzar a presenza da especie no Monte Pindo e seguir estudando a súa evolución, coa ollada posta no obxectivo claro da súa supervivencia.

Denuncia da situación actual
Aproveita a Asociación MPPN para denunciar a “praga de eucaliptos en pleno hábitat do Q. lusitanica”. A entidade “insiste na urxencia e a necesidade de erradicar os eucaliptos e outras especies invasoras que están colonizando a marchas forzadas o Olimpo Celta e ante o que nós como sociedade nada podemos facer, pois no ano 2013 a Xunta mandou paralizar coa ameaza de sancións as nosas actividades de repoboación con voluntariado na zona, veto que a día de hoxe, 4 anos despois, aínda non levantou”.
Novas relacionadas
- Xuño 2014: Constatan a recuperación do carballo anano e do lirio do Monte Pindo.
- 14-09-13: Acabou o inferno. Toca traballar na recuperación, reflexionar e investigar.
- 14-09-13: O lume máis devastador chega ao Ézaro mentres o pobo se fractura.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).