Mércores. 18.09.2019
El tiempo

O Modesto Patrimonio: O Río Vadebois no Monte do Pindo

O Modesto Patrimonio: O Río Vadebois no Monte do Pindo
Ponte de San Cibran no rio Vadebois-Carnota Ponte de San Cibrán no rio Vadebois

Despois do Río Xallas, que fai de linde polo norte, o río máis importante do Monte do Pindo é o Río de Vadebois. Corre de norte-sur polo lateral leste e desemboca na praia de Carnota, na paraxe coñecida como “Boca do Río”. O seu nacemento está pouco definido pola confluencia de varios regatos que baixan pola ladeira do monte de “A Garrida” e conflúen nun punto coñecido como “Pozo Negro”.

Se collemos como referencia destes regatos ao máis longo deles, é o que nace na “Fonte da Moa”, na paraxe do “Campo das Cortes”, próximo ao vértice xeodésico. Desde este punto ao longo do seu traxecto ata a desembocadura ten unha lonxitude de 8,2 Qm., recollendo as augas dunha cunca que abarca a extensión de 990 Ha.

Perfil del rio Vadebois Perfil do río Vadebois

Pola marxe esquerda ten como afluentes varios regatos pequenos que nacen no monte do lugar de Cornido e pola marxe dereita o máis destacado é o Rego de Calderón, tamén coñecido augas arriba como Rego de Amil.

Ten outros máis curtos como o Rego da Gamalleira co seu afluente da Cova Fixa, Rego de San Cibrán e o Rego da Leña.

En tempos pasados era un río moi truiteiro e tamén abundaban as anguías, pero o progreso fixo diminuir o caudal ao tomar os manantiais como abastecemento dos núcleos urbáns. As súas augas facían moer uns trece muíños fariñeiros situados no curso medio, todos eles, na actualidade, en estado ruínoso.

Se analizamos a  historia xeolóxica deste monte e retrocedemos uns cuantos decenios de millóns de anos, sospeitamos que esta mole granítica tivo que sufrir moitos fenómenos traumáticos. Manuel Murgía no libro sobre a Histroria de Galicia do ano 1885 di que nalgúns documentos antiguos falan que no ano 1217 un gran terremoto cambiou o curso do río Xallas forzando as súas augas a despeñarse por un acantilado dando lugar ao Cadoiro do Ézaro, teoría pouco creíble.

Frai Martín Sarmiento na súa visita do ano 1745 di que “este río corre por el alto de las montañas y como no puede meterse horizontalmente en el mar hace una prodigiosa catarata”.

Todos sabemos que na maioría das rías galegas sempre desemboca un importante río, o máis cercano témolo na Ría de Camariñas onde desemboca o Río Grande ou na Ría de Muros, onde desemboca o Río Tambre. Tanto o Val do río Vadebois como os terreos lindantes a praia de Carnota están formados por terreos sedimentarios.

O lume do verán de 2013  deixou ao decuberto todo este terreo de sedimentos, mesturado con cantos rodados e  restos de minas. Queda como incógnita unha pregunta. O río Vadebois, será parte do primitivo Río Xallas que desembocaba na ría de Carnota? Se visualizamos as fotos de satélites, vemos que o curso deste río parece que foi interrumpido por un plegamento elevado (330 m.) coñecido como Cima da Arca. Este plegamento puido facer de presa obrigando a fuxir o caudal pola actual cascada do Ézaro.

O Modesto Patrimonio

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios