martes. 16.12.2025
El tiempo

Cazadores de Vimianzo póñense en loita para evitar máis accidentes na perigosa canle de Carantoña

canle de Carantona cans mortos
As zonas da canle de Carantoña sen valado, e os cans falecidos
Cazadores de Vimianzo póñense en loita para evitar máis accidentes na perigosa canle de Carantoña

Leva 70 anos así, e teñen falecido ducias de animais, e mesmo un par de persoas nas últimas décadas. E nunca se fixo nada por evitar un perigo evidente. Pero o acontecido este pasado sábado 13 de decembro de 2025 foi o último dos episodios tráxicos que can acontecer nesta zona.

Así de claro o teñen os membros dunha das catro Cuadrillas de caza do TECOR de Vimianzo. Despois de anos vendo o perigo de preto, este pasado sábado, perdían 4 cans que corrían detrás dun xabarín. Os cans caían á canle da central hidroeléctrica de Carantoña, e quedaban afogados e esmagados nas travesas da perigosa canle.

Falamos dunha concesión de explotación hidroeléctrica do río Grande do Porto de Xeal. Unha canle que nace na presa de Carantoña, 200 metros máis arriba da Furaqueira (a pequena doble ponte, a nova e a vella, na estrada que une Vimianzo e a Ponte do Porto), vai paralelo ao río e remata na minicentral hidroeléctrica de Carantoña, para desembocar despois de novo no río Grande do Porto afrontando o su último treito camiño da ría do Porto. Son varios quilómentros de canle, algúns subterráneos, e outros nun túnel de prefabricado, pero a meirande parte deste traxecto está ao descuberto e sen ningún tipo de valado.

“É un perigo, é unha bomba de reloxería”, recoñecen os cazadores, valorando a velocidade tremenda que colle a auga sobre todo no treito final antes da central. “Ademais dos animais que levan caendo e que poidan caer, calquera persoa que vaia limpar a súa finca ao carón do viaduto pode caer e de aí non sae”, aseguran. “Hai mesmo un punto ao carón da estrada, que como caias no canle, adeus”.

Os cans caeron nun deses tramos de quilómetros de canle sen ningún tipo de valado. 3 quedaron atrapados nas travesas, e os seus corpos tiveron que ser rescatados nunha operación ben perigosa. A cuarta cadela, foi arrastrada polo sistema de retirada de maleza das exclusas, caendo por un sumidoiro de novo ao río. Non a deron atopada ata o día seguinte, 2-3 km río abaixo, gracias ao localizador.

Os membros da Cuadrilla teñen claro que este sucesos non pode volver acontecer, e que xa basta de 70 anos de impunidade dunha infraestrutura máis perigosa e mal coidada. “Debería haber unha responsabilidade con todo isto”. Por iso, xa presentaron unha denuncia na Garda Civil e tamén se puxeron en contacto coa Federación Galega de Cada, pedindo que se instale un valado seguro nesta zona “para que isto non volva pasar”. “Se morre un can por pelexar co xabarín, pois é a natureza, pero que morran por falta de seguridade dunha empresa, si que non”, explican.

Pedirán tamén unha indemnización polos cans, tendo claro que o económico é o mínimo, porque a valoración dunha cadela de 5 anos, con tantas horas de experiencia, é moi difícil de cuantificar. “Temos claro que non hai cartos que paguen estes cans, pero que se recoñeza que hai unha responsabilidade”, solicitan, polo que seguirán pelexando para que esta zona sexa máis segura.

Comentarios