A ESMU de Carnota estreou o ansiado Auditorio do Viso, o novo "corazón cultural” do concello
Tarde especial a deste mércores 17 de decembro en Carnota. Se o Concerto de Nadal da Escola de Música de Carnota (ESMU) xa é sempre unha data sinalada no calendario, estrear o novo Auditorio Municipal dO Viso facíao aínda máis emocionante.
A nova infraestrutura ponse "á altura do talento" co que conta o concello, e está chamada a ser "o corazón cultural" de Carnota. Así o demostrou enchéndose con preto de 500 persoas (case que unha “utopía” para unha vila como Carnota, pero tivo que quedar xente fóra, con moita xente das asociacións que non é propiamente da ESMU apoiando) que puideron vivir unha "xornada inesquecible", na que actuaron arredor dos 60 alumn@s (non daba tempo a que actuasen os 224 que forman parte da ESMU, pero prometen outros eventos públicos para un futuro cercano).
O acto contou coa presenza do alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, e da deputada da Deputación da Coruña, Mónica Rodríguez, que puxeron en valor a colaboración institucional que fixo posible esta actuación, financiada a través do Plan Único da Deputación, cun investimento superior aos 300.000 euros.
A inauguración do Auditorio Municipal de O Viso realizouse co Concerto de Nadal da Escola de Música de Carnota (ESMU), protagonizado polo seu alumnado, nunha estrea cargada de simbolismo. A escola celebra case tres décadas formando xeracións de mozas e mozos en música, converténdose nun dos grandes piares da vida cultural da comarca, e foi a encargada de dar vida por primeira vez a un escenario que nace pensado para o talento local.
A sorpresa chegou ao final, cando apareceron sobre o escenario sen previo aviso, catro das figuras máis destacadas do panorama da música atual que pasaron pola ESMU: Miki Fdez. Sambad, Ariadna Moore, Xur e Samuel Rapante, dos Rapants, que deixou claro que "como non ía estar el nun evento coma este".
Comezo do Nadal
A apertura do auditorio marca tamén o inicio dunha intensa programación cultural de Nadal. Nos próximos días, Carnota acollerá propostas teatrais para público adolescente, adulto e familiar, actividades deportivas e citas pensadas para a rapazada, como a recepción de Papá Noel, que xa terá lugar no novo auditorio. A fin de semana do 27 e 28 de decembro, o Nadal vivirá un dos seus momentos máis especiais coa celebración do Mercado de Fin de Ano, no que haberá postos locais, cantos de taberna e obradoiros, consolidando un espazo de encontro arredor do comercio e da cultura local.
A programación completarase coa tradicional Festa de Fin de Ano, xa convertida nun clásico no calendario festivo do concello, e coa Cabalgata de Reis, que porá o peche ás celebracións.
