Venres. 26.04.2024
El tiempo

Olga Formoso, presidenta da ACEP: "Temos un turismo totalmente estacional. Un ano coma este, para remontalo en inverno vai ser complicado"

Olga Formoso
Olga Formoso, presidenta da Asociación Carnotana de Empresarios, Comerciantes e Profesionais (ACEP) e xerente da vivenda turística O Fogar do Carpinteiro.
Olga Formoso, presidenta da ACEP: "Temos un turismo totalmente estacional. Un ano coma este, para remontalo en inverno vai ser complicado"

Seguimos en QPC coas conversas cos distintos sectores que se están vendo afectados pola crise económica derivada do coronavirus. Hoxe falamos de primeira man con Olga Formoso, xerente da vivenda turística carnotá O Fogar do Carpinteiro e que, ademais, é a presidenta da Asociación Carnotana de Empresarios, Comerciantes e Profesionais (ACEP).

Formoso comenta que, na asociación “ hai moita xente sen actividade ou con moi pouca actividade e logo con medo, sobre todo a parte da hostalería, porque somos moitos”. A carnotá recoñece que a vila estaba a levantarse moito gracias a isto último e, precisamente, a incerteza que existe entorno ao sector estaos “matando un pouco a todos”. “Xa non de cara a este ano, que xa o vemos moi negro, senón de cara á remontada despois. Ao final, en Carnota empezábamos agora coa Semana Santa. Temos un turismo totalmente estacional, entón, un ano coma este, para remontalo en inverno vai ser complicado”, afirma Formoso.

Carnota é un dos concellos de España con maior porcentaxe de vivendas turísticas, polo que un golpe coma este á hostalería será moi prexudicial. Mais non só unicamente para a vila de Carnota, senón para toda a Costa. Tal e como apunta Formoso, “o da hostalería arrastra aos demais. Eu de feito este ano estaba cun proxecto de ampliación para finais de ano que, a día de hoxe, a finais de ano xa che digo que non vai ser. Vaise ter que retrasar, e aí estaba involucrado albanelaría, carpintaría... Ao final, todos vivimos de todos e se eu este verán non ingreso o que teño previsto, unha, o proxecto non vai adiante, e outra, o meu estilo de vida, as miñas compras e demais vanse reducir tamén. Entón, ao final aféctanos a todos”.

Ademais, tal e como xa apuntaba Digna Rodríguez nunha carta aberta que fixo ao Goberno sobre as medidas de desconfinamento, a realidade do rural galego é moi distinta á das grandes cidades. E, con esta premisa, deberíanse adaptar as medidas á situación de cada lugar, aínda que poida soar un pouco a utopía. Formoso xa pensou nisto, e a raíz dunha webinar á que asistiu da Escola de Hostalería de Galicia na que representantes do sector hostaleiro animaron ao final da chala aos invitados a que aportasen as súas ideas ao sector, xa que estaban abertos a escoitalas; falou coa directiva da Asociación de Empresarios e decidiron enviarlle un correo á Xunta explicando a situación da zona e pedindo que se tomen medidas tendo iso en conta.

A Casa do Carpinteiro

A Casa do Carpinteiro, en Carnota.

Na webinar, “eles falaban de hoteis, o Camiño de Santiago... En Carnota a realidade é distinta. Non hai grandes hoteis, todo son hoteliños pequenos ou casas rurais e non é o mesmo que un gran hotel en canto a medios de seguridade”, explica Formoso. No correo resaltan, ademais do anterior e tendo en conta que se debería facer “esixindo uns rigurosísimos protocolos de limpeza e desinfección”; que “sería unha mágoa que, podendo ir levantando o sector sen asumir riscos en exceso, non se faga por dictar unha norma que aplique do mesmo xeito ó conxunto de establecementos”, indican no comunicado.

Agora están á espera de ver se reciben algunha resposta e finalmente a petición será escoitada ou “se vai ir a un saco roto”. Mentres, toca seguir esperando en medio da incerteza a que se arroxe algo de luz no asunto, pero este tipo de peticións poden axudar a que esa toma de decisións teña en conta outros puntos de vista. “O tema é que haxa unha regulación á hora de abrir, que vaia en función do risco que se poida correr no establecemento, porque ao final o que adoita estar nesas mesas grandes son os grandes e non se acordan dos pequenos, está claro”, afirma Formoso.

Por outro lado, esta falta de concreción fai que a propia Asociación tampouco poida ir pensando nun plan de futuro con iniciativas para os empresarios. “Eu o que estou movendo é que, toda charla ou toda iniciativa que haxa, que a xente asista para que teña información un pouquiño do que hai; pero despois nós pensar iniciativas non. Agora mesmo, sen saber o que vai pasar, establecer plans de accións é moi complicado. Cando nos digan ‘pois a partir de tal fecha podedes empezar’, pois aí poderíamos ir véndoo un pouco, pero por agora a incerteza é tan grande que non hai plan de acción posible”, explica. De todos modos, a carnotá afirma que está asistindo a unha morea de charlas de turismo e todo en canto pode online para estar informada dos opcións.

Emprendemento na Costa

Nese mesmo sentido, Formoso tamén xa leva participando dende finais de febreiro, xunto con outros 25 emprendedores da comarca, na quinta edición do coworking da Costa da Morte, cuxa sede estaba en Cabana de Bergantiños. A iniciativa, que ten como fin permitir aos novos profesionais enfocar con maior tino o seu proxecto empresarial, tivo que mudar á vía telemática por culpa do Estado de Alarma.

“Antes iamos a Cabana e estabas alí catro horas. Presenciais, catro horas fanse ben, pero online catro horas era moito. Entón, facémolo en dúas tandas, os martes e os xoves polas tardes, pero para min está sendo igual de produtivo. É máis, hoxe comentáballo á titora, que eu estou tendo moitísimo tempo para facer todo o traballo que ten detrás o coworking. Porque a ti explícanche moitas cousas, pero despois traslado ao teu negocio leva tempo”, explica a carnotá.

Ademais, do mesmo xeito que xa estaban a explicar e enfocar os contidos para un bo desenvolvemento empresarial, tamén algúns dos seus profesores cambiaron e adaptaron as súas clases para atender ás novas necesidades que xorden a raíz desta crise sanitaria. “Algún deles cambiou algunha clase para que cada un de nós fósemoslle contando un pouquiño como nos estaba afectando e el foi basicamente dicíndonos, pois mira, non te preocupes, porque no teu caso ten que ser aí, ou oe pois mira, no teu vas ter que sufrilo un pouco máis pero pensa... Buscándolle, digamos, a parte positiva. E logo todos estannos falando diso en cada unha das áreas”, afirma Formoso.

Para ela, esta está sendo unha boa oportunidade, pois “para min é unha formación gratuíta que é brutal, con profesionais moi bos. Ademais, a parte online eu lévoa ben porque xa traballei moitas veces así. Máis produtivo e máis ameno é presencial, evidentemente, pero non é que perdéramos o ano”, indica.

Comentarios