Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Toño Casais: "A maioría dos concellos están aprazando as actuacións que tiñamos apalabradas para finais de ano"

Toño Casais
Toño Casais, actor, director, guionista e profesor de teatro ceense.
Toño Casais: "A maioría dos concellos están aprazando as actuacións que tiñamos apalabradas para finais de ano"

A crise sanitaria causada polo Covid-19 trae consigo tamén unha forte crise financeira que está a afectar á gran maioría dos sectores. En QPC xa fixemos varias a entrevistas a algúns protagonistas afectados como condutores de taxis, autocares ou  traballadores da pesca artesanal. Hoxe falamos con outro dos sectores aos que máis lles toca de cerca e un dos que conta con peores expectativas: o sector cultural. Para iso falamos co actor, director, guionista e profesor de teatro, Toño Casais.

Casais, quen pertence á compañía teatral Talía, comenta que nestes momentos tanto el coma todos os empregados que estaban en nómina no seu momento encóntrase baixo un ERTE. “Solicitouse o ERTE e foi concedido á empresa e agora estamos simplemente a expensas do que se nos diga”, explica o ceense.

O sector cultural, tal e como se leva vendo estas últimas semanas, é un dos que está a reclamar mellores medidas ante esta situación pois a maioría das solucións que se lles propuxo por parte da administración central foron bastante deficientes. Neste sentido, Casais indica que están moi en contacto coas “asociacións que están levando as negociacións, é dicir, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, a Escena Galega... que están con moitas outras asociacións culturais e de promotores culturais de Galicia e o resto de España. Estas están tendo negociacións tanto co Ministerio de Cultura como coa Axencia Galega de Industrias Culturais e, bueno, a ver que se fai e que se pode facer”.

Aínda así, o ceense recoñece o bo facer dos concellos de Galicia, quen na súa maioría están a adiar as datas das actuacións que tiñan xa apalabradas para marzo e os vindeiros meses para finais do ano. “No caso puntual de Galicia, si que vemos que na maioría dos concellos, no que son as funcións que nós tiñamos apalabradas, a gran parte das funcións estanse aprazando. Estase mantendo o que é a función e pospoñéndoas para datas como outubro, novembro ou incluso setembro. A propia Deputación da Coruña, na súa rede cultural, que os espectáculos podían ser distribuídos antes de rematar o 2020, os están prorrogando polo menos ao primeiro trimestre do 2021 para que os concellos poidan programar nesas datas”, afirma o ceense.

De todos modos, isto non significa que as funcións se realicen finalmente nas datas que se están barallando nestes momentos. Isto serve a modo de intentar planificar da mellor maneira as datas futuras, pero a realidade vai estar supeditada ao ritmo ao que avance o virus e as súas medidas. Casais declara que están facendo “un borrador de calendario do que podería chegar a ser, pero loxicamente estamos a expensas de que nos abran o grifo e nos digan ‘agora vostedes poden comezar a traballar’. Mentres tanto, pois si, hai moi boas intencións pero tamén un pouco expectativa e medo de que non se prorrogue isto demasiado. Porque claro, unha é o desexo e outra é a certeza do que realmente é necesario, porque agora é necesario que esteamos enclaustrados”.

A iniciativa de aprazar as actuacións xa marcadas nun momento coma este é, cando menos, de valorar, pois tal e como expresa Casais, os concellos agora mesmo “están a outra cousa porque están mobilizados e centrados en manter á poboación e atendendo a determinadas cousas”.

CURSO PERDIDO NAS ESCOLAS DE TEATRO MUNICIPAIS

Debido á irrupción do coronavirus, son moitos aspectos da nosa vida cotiá que se viron alterados: as clases, os traballos... E unha delas tamén, as actividades extraescolares. Moitos concellos da comarca contaban con Escolas de Teatro Municipais que agora mesmo se viron suspendidas dadas as circunstancias e a posible recuperación do curso vixente vese bastante improbable. Para Casais, o curso “está perdido. Hai que pensar que polo menos nós tiñamos unha previsión de estreas de final de curso a finais de xuño e loxicamente non vai ser así aínda que nos permitan dar clase en xuño, que o vexo moi pouco probable porque as clases son con grupos de 20, 25 persoas... Se aos nenos non lles van permitir ir ao cole, non lles van permitir ir a actividades extraescolares”, afirma.

Neste punto podería haber varias opcións posibles unha vez remate o confinamento, aínda que a realidade é que nestes momentos todos os contratos cos concellos por estas escolas rescindíronse por unha orde gobernamental segundo explica o actor. “Non sei se os Concellos van querer recuperar as clases atrasadas. A nosa intención é recuperalas pois a través de, se pode ser no verán, obradoiros de verán pero eu creo que non terían xa moita relación co curso que tiñamos encamiñado... Non sei, iso falarémolo máis para adiante, supoño. Os concellos queren manter as escolas, pero non saben nin cando nin como, entón, cando empece a afrouxar isto un pouco, si que poderemos sentarnos a falar disto”, expresa Casais.

Ata que chegue ese momento, tanto as clases coma os escenarios deberán esperar. Algo que, para o ceense agora mesmo non é o máis importante. “Teño ganas de que as nenas saian á rúa, de que desfruten coas súas amigas e de poder estar cos meus pais e tal, despois actuaremos, pero que isto se normalice, que isto colla un pouco de rumbo e que a xente poida saír da casa con tranquilidade, iso é o único que apetece. Despois, o de ir ao teatro, actuar, ir a un concerto e todo isto, cando esteamos todos xuntos xa o imos desfrutar máis”, apunta Casais, quen nestes momentos está vivindo a corentena xunto coa súa muller e as súas dúas fillas.

Con todo, tamén espera que isto pase canto antes por outros motivos lóxicos: “Nós desexamos que remate pronto porque entendemos que agora estamos baixo un ERTE e con isto a xente cobra a través do Estado, vai cobrar tarde, mal e arrastro. Haberá xente que que se poderá permitir cobrar tarde, xente que non se vai poder permitir cobrar tarde, que é cando van comezar os dramas persoais de cada un, cando non poidan pagar unha hipoteca ou chegar a fin de mes, ou como sexa. Eses son problemas que loxicamente carrexa esta deriva económica e o desastre económico que é para o país ter moitas empresas sen poder traballar tendo que sufragar o Estado todo iso, que non deixa de ser un problema para o día de mañá. Entón, isto que se solucione rápido e que pase, pero claro, os tempos son moi lentos e hai que darlle moito tempo a todo”, afirma Casais.

Comentarios