Martes. 05.11.2024
El tiempo

Os cativos de Carnota e O Pindo aprenden a coñecer e respetar outros mundos

Os cativos de Carnota e O Pindo aprenden a coñecer e respetar outros mundos

O Concello de Carnota, a través do Servizo de Normalización Lingüística, puxo en marcha o pasado 17 de novembro unha actividade centrada na temática da multiculturalidade, titulada "Todos somos diferentes, todos somos iguais", que se desenvolverá, baixo a forma de dous obradoiros de 4 horas de duración, no CEIP de Carnota e no CEIP do Pindo, durante os meses de novembro e decembro.

Trátase dunha acción de dinamización cultural e lingüística dirixida ao alumnado do terceiro ciclo de educación primaria, concibida co obxecto de crear un espazo de reflexión crítica que impulse o diálogo intercultural e fomente o coñecemento e a valoración positiva das distintas linguas e culturas do mundo. Durante o seu desenvolvemento farase fincapé no concepto de identidade e no respecto como base fundamental para vivir en liberdade, prestando especial atención á cuestión dos estereotipos lingüísticos e culturais, que se abordarán de xeito produtivo e didáctico, para valorar ata que punto reproducen ou non unha visión certeira da realidade.

Achegarlle ao alumnado as distintas culturas existentes ao noso arredor e analizar os elementos que conforman a identidade cultural, atopar as semellanzas e os procesos paralelos e interrelacionados entre diferentes culturas e desbotar prexuízos e estereotipos lingüísticos e culturais son os obxectivos fundamentais cos que bota a andar esta acción formativa, a través de actividades concibidas dende unha óptica lúdica e participativa.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Carnota.

Comentarios