"Patrimonio vivo": O Hórreo de Carnota ponse calcetíns de cores

Así de fermoso queda o Hórreo de Carnota con esta intervención artística. Fotos: Antonio Nodar

Marabillosa intervención artística a que vive este verán o Hórreo de Carnota. Patrimonio Vivo, obra de Nando Lestón (Canedo, Carnota; 1966), demostra que a arte pode vencer á burocracia. 

Acompañado dun comprometido equipo de colaborador@s artísticos (agradece á súa filla, principalmente, pero tamén aos Antonio Nodar, Alicia, Sven, Tze Man, Javi Boquete, Nerea e Jessica da libraría...), vén de darlle cor ao Hórreo de Carnota, con estes calcetíns de fío de algodón (fixeron falta 3.520 metros de trapillo) que lle dan unha nova vida a este, habitualmente intocable, Monumento Nacional.

E precisamente aí reside un dos grandes valores desta actuación. Superar os obstáculos da burocrácia, conseguir abrir as portas do Arzebispado de Compostela, ao que Lestón agradece a súa colaboración para facer esta intervención que demostra que "o Patrimonio está máis vivo que nunca".

Deixan claro que os pés do hórreo levan unha cuberta plástica que os protexe, e que se trata dunha actuación "de todo respetuosa e temporal" e que se todo vai ben, estará visible ata finais de setembro.

Nando Lestón, en plena faena, con algunha das súas colaboradoras. Foto: Antonio Nodar

Homenaxe

A obra trata de facer tamén unha homenaxe a este magnífico Hórreo porque cumpre 240 da súa ampliación, cando en 1783 se lle arrimaron 11 pares de pés e gañar en capacidade de almacenaxe.

"O que di o noso patrimonio e que a xente soubo resolver, de xeito eficiente, sostible e con beleza, os asuntos vitais de transformación e almacenaxe dos recursos. Muíños, casetas, pontes, cabaceiras, cruceiros. É por elo que actuei sobre unha arquitectura de almacenaxe que nos representa a todos, pero sobre todo a quen no lo deixou para admiralo, único no seu estilo xunto co de Lira", explica Lestón.

Así de fermoso queda o hórreo de Carnota coa intervención Patrimonio Vivo

 

Triloxía

Con esta intervención no Hórreo de Carnota, Lestón pecha un ciclo artístico e discursivo (leva máis de 25 anos esta triloxía) ao que dou en chamar “Habitares Humanos”.
Comenzou esta andadura con “Segunda Pel” que "falaba do habitar terrestre e a nosa dependencia e uso dos bosques". A segunda proposta fui “Deser Crevas”, que falaba "do noso habitar mariño e cuxo discurso estivo baseado no uso dos refugallos que devolve o mar e que eu incorporei á estética e rango artístico".
Como consecuencia deses dous habitares naciu “Patrimonio Vivo”, que vén sendo "o resultado, en forma de arquitectura, das nosas construcións, do noso
Patrimonio, que serviu para que a nosa Comunidade Carnotana, nun momento da historia, fose próspera".

Novas relacionadas

MÁIS ARTIGOS DE NANDO LESTÓN EN QPC