Luns. 29.04.2024
El tiempo
Nando Lestón
11:08
04/07/23

Mi querida Babel

Mi querida Babel

Ás veces poda semellar, cando escribo artigos aquí nesta platea, a cal se asomará a saber quen, poida parecer como digo que fago crítica de todo canto se move e se menea.

Paxaro que vexo, paxaro que critico. Porén, o que fago en realidade é mirar para o paxaro e reflexionar sobre como voia.

Miro para o lagarteiro e observo, como falcónido colibrí, como aletea sen moverse dese espacio aéreo, oteando a pradería cos seus fermosos e grandes ollos.

Custa explicarse como se aguanta o pequeno falcón.

De tal xeito póñome perto na mesma dirección e unha pequena corrente de aire dame na cara. Unha corrente de aire invisible que lle axuda a manterse quedo. Así fago, observo e reflexiono para intentar comprender.

Do mesmo xeito e sen ofender a ninguén, vou direitamente ao asunto; síntome libre de facelo, de reflexionar sobre o que sexa sempre que teña un argumento básico para expor.

Como xa dixen nalgún artigo, vivín máis de vinte anos na Curuña, indo e vindo como nómada rural que bota de menos a súa verdadeira casa e territorio e, como un pastor, que dispón de casa e chouza no monte, fai campamento de verán ou de inverno, segundo o pasto.

Despois deses vinte anos, algunha información teño sobre esa cidade e unha delas é que lles encanta o inglés... todo o que sexa inglés, que para elo tiveron as súas batallas.

Observo, cando viaxo que muitas cidades españolas e mesmo galegas usan en gran medida ese idioma para promocionarse, tanto establecementos de consumo como por suposto, alto “estandin” de perfumerías, artigos “gurmet” ou os pequenos “silicon valley” chamados pymes e statups e starbucks de toda ralea.

As cidades vanse deseñando pouco a pouco de xeito global para todos... para todos?... para todos non... a globalización é para todos menos para os cidadáns desa cidade.

O modelo de Santiago, mercachifle desencantado, parque temático de errabundos turistas e pelegríns globalizados, copan idioma, casa e comida... cultura e ocio tamén pensado para eles... para os que van e veñen.. Pero Santiago xa non é de Compostela e o picheleiro, como o lagarteiro, xa é unha rara avis. EL MERCADO COLEGA... e non o de Abastos.

Na Curuña xa dan un pouco de lástima... Só lle chegan por mar en grandes panzas flotantes que, para risa de todos, acaban mercando no froid, viño de cartón... non é mentira... ”lo ví yo con estos ojitos ojipláticos”. Cando a historia faga a suma do que collen e do que deixan na cidade, nos partiremos el pecho con el precio pagado.

Por suposto a Costa da Morte non iba ser menos.

Por suposto hai que estar no mundo, no mundo global... e ese mundo global é o inglés que é o GRAN ABASTOS.

Vexo páxinas web ou blogs (aquí tendes dúas palabriñas) que falan e describen os placeres ocultos desta Costa... as sensacións de vivir no paraíso terrenal. En inglés... en castelán. Non nos falan a nós... non falan para nós. E algunha ten o apoio da Deputación que, cando menos podía....

Entendo todo isto, resúltame tristísimo, pero como voio de lagarteiro, entendo.

Así se vai matando unha lingua. Porque a lingua non morre a non ser que morra o seu derradeiro falante, se non é así... mátase. Matámola a diario.

Castelao decía “unha lingoa non é só unha obra de arte, é matriz de obras de arte”.

Con este modelo turístico e de negocio, nomadismo incluído, a nosa lingua ten os días contados. Só digo que se comunique tamén en Galego para facer tecido social, para que sepa, quen sodes e que facedes. Normal.

Pero para ser honesto e como dixen, comprendo, tamén eu tiven que marchar da aldea porque alí ninguén me compraba os cadros, muitos deles nin siquera os entenderían. Así que houbo que buscar “mercado” por outros lares e nós, os daquí, non facemos turismo na Costa da Morte, así que tampouco lle dariamos de comer a todos os establecementos que están abrindo.

Pero hai unha cuestión... nin siquera na Curuña cambiei de lingua “neno”, ”mujerciña”, “graciñas”... basicamente o castelán da Curuña é unha traducción directa do galego.. ”te voy dicir”... ”hasta lueguiño”... ”ya te he de dicir que los fuchancos de la carretera no los amaña el Concello”... simpático pero grotesco.

Xa lle chaman Monte Alto, altísimo... alí viven as cuadernas da Costa da Morte, xentes de Malpica e Muxía e Carnota, e Fisterra e Ponteceso e Camariñas e todos alí naquel palco onde Babel ten o seu Reino.

Fillos que hoxe falan “curuño”... fan ben... ou mal... que máis dá, verdade?

Agora, que paso ao miolo da cuestión, adianto que desexo que todo funcione, seguro ben o merecen, son proxectos interesantes e reales; interculturais que nos achegan a outras miradas europeas e non deixa de ser,no fondo, unha fonte de riqueza,como todo intercambio.

Leo no QPC, a primeira na testa... THE BREAK COSTA DA MORTE que en inglés pode ser, interrupción, corte, descanso, oportunidade, receso, recreo... disculpade se falta algún significado máis pero con estes chega. Como non sei o contexto, collede vós o significado que vos apeteza.

O conto é que... abro comiñas... en aras da transparencia: ”organizado por PymeOn, forma parte dos programas da Escola de Organización Industrial (EOI), desenvolvido por The Break Alliance e financiado cos Fondos de Próxima Xeración da Unión Europea". Como te quedas?

O proxecto pretende promover o turismo sostible que axude a fixar poboación. Tamén Nomadas Dixitais. Fixar poboación de fóra, será...

Unha das empresas (entrei na sua páxina) di por quen está impulsada... por quen ía ser, pois por “the beta factor, ComunicArte, C&B”... eh, como mola tío... como mola o inglés.

Para que algo sexa importante a estratexia é que sexa ou sone inglés...

A outra empresa... soa a como podía sonar tamén Bulevard  A Chousiña ou Caramuxas beach... cuidao.. mola ou non mola este eterno complexo de non comunicar as cousas na nosa lingua, polo menos para os daquí, aínda que sexa para fixar poboación.

Esta última, cun fantástico logotipo da Deputación da Coruña que apoia a esta empresa como “Socialmente indispensable” que se presenta en inglés e castelán con palabriñas como “coliving slow, coliving rural, slow food, mentoring, family friendly coliving, coworking, community e plis plas plus, no mapa que presenta a sua posición aparecen poboacións como Soesto,Conlle,Carrabete e máis lonxe Ures.

Como tas quedao?

Pois claro tio... todo é multicultural... fillos do mundo que falan todos a mesma linjua.... o injlés. O Jalejo non mola... non vende... pero polo menos fixou poboación... agora fixa inglés.

O da Deputación xa é delito.

Observo ao lagarteiro, comprendo como voia, pero eu non son un paxaro, pero seguro que o lagarteiro fala mellor o galego.

Dese encontro sairon un par de propostas, a Vía Céltica, unha escisión do Camiño de Santiago, postxacobeo (non traen máis que camiños, como se non houbera abondos, a base de camiños de entrada facerémonos ricos, a dos camiños xa é toda unha industria... camiños, rutas... sendeirismo... para cando un pouco de economía formal) .

E a outra proposta é... tachán... Destino Starlight... imos acabar todos mirando para o ceo e imos ver starlights... ou sexa.. estrelas. O Abastos das estrelas. Non deixa de ser sórdido e infantil que a xente se poida permitir pagar por ver as estrelas.

Este turismo-negocio non semella para nós,n on se conta cun dos principios básicos do turismo sostible, a implementación da poboación. Por outra banda normal, nós non somos turistas na nosa terra..ou sí... xa non sei.. seguro que cando me ven na praia de Carnota, flaco e caucásico, ben podia ser portugués, italiano e mesmo turco ou maltés. Chamar sostible a que a xente se mova polo mundo adiante, administrando carbono en avións, caravanas, barcos e demais... non nos enganemos, de sostible ten pouco. O modelo SLOW non se fai viaxando en avión. Pola contra esa é a FAST LIFE.

Son os comenzos da desaparición da lingua, da cultura... por eses camiños entran eles e acabaremos salindo nós.... co coworking de entrada, e co mentoring de saída.

Acaso, na Costa da Morte, para fixar poboación o único que nos queda son os negocios turísticos? Seremos todas emprendedoras turísticas? a vía máis fácil.

Por que os poligonos industriais están valeiros?

Acaso se piscifactorias e eólicos “compartirán” con nós a riqueza que por direito nos corresponde, ocupando superficie de territorio xa prohibido para nós, especulando ca materia prima, vendendo vento por millóns.... non poderiamos diversificar o noso emprendimento? E fixarnos. Crear. Fillas.

Os Alcaldes e Alcaldesas da Costa da Morte xestionan presente e pasado sen crear a mínima concencia nos veciños dunha perspectiva de vida diferente ao "saqueo". Cambiade este paradigma é de todo normal e posible.

Un día dareivos ideas de como fixar verdadeiramente poboación, pero para iso hai que quitarse complexos e ser valente, senón todos criados dos nómadas dixitais que non é máis que outra moda da industria da tecnoloxía para ter contentos a sus CEO, executivos e traballadores guais nun territorio tan MARAVILLOSO E BARATO.

Pero entendo, entendo que de algo hai que vivir.

Pero lembrade que os inmigrantes tamén son nómadas forzosos e andamos con eles a patadas. Non é o mesmo un nómada con pasta que sen ela. Está claro. O nomadismo capitalista... mmm... máis do mesmo monstruo.

Gudbai frens, ai livin in Carnota, a uonderful vila.

Ah! remenber... de bisnes in de paf... anoder dei.

  • Nando Lestón. Artista, pintor e escultor que vive en Carnota.

Máis info

MÁIS ARTIGOS DE NANDO LESTÓN EN QPC

Comentarios