Venres. 26.04.2024
El tiempo
Nando Lestón
07:42
05/06/23

Madrí, rotonda de Hespaña

Madrí, rotonda de Hespaña

Do... NON PASARÁN... a quedarse tomando un “COFFEE IN THE PLAZA MAYOR” ou “terracitas e atascos”, Madrí vive o seu perpetuo soño de Morfeo, todo un esperpento no que se sinte complacida esa extrana “masa primitiva”.

Como xa dixen noutro artigo, nin teño ideoloxía política nin a terei, considérome un observador humanista do humano comportamento, este, que cada día me ten máis anonadado, que quere decir “eu era tonto, pero despois de ver o que vin, xa son dúas veces tonto”.

Así mesmo, co morto aínda en quente, pregúntome cales son as razóns polas que en política pasa o que pasa. Está claro que un é dun equipo de por vida, coma eu do U.D.Carnota que, perdendo 7-1 contra San Lorenzo Verdillo, estará sempre no meu corasón.

O que queda claro é que, para a masa, despois de corenta anos de represión, todo está olvidado, para que imos andar remexendo na Historia se a Historia está tamén, morta e enterrada. A verdade e a razón, enterradas. O vulgar, a sinrazón, ganan.

Agora somos europeos, así que nos imos adereitando coma eles, cas súas políticas económicas semellantes a un preservativo rachado que non dá máis que sustos día si día tamén, en fin... a mentira repetida en cada xeración... avoa, filla, neta..

O refrán xa di que vale máis caer en gracia que ser gracioso, pero tamén di que se colle antes a un mintireiro que a un coxo e iso.... non é verdade.

A dereita mete en gobernos á ultradereita e esta defendese chamándolle aos outros ultraesquerda e os “nenos ten pito e as nenas vulva”. Y no se hable más.

A masa actual non lle concede un minuto a os ángulos civilizados da civilización. Entendemos civilizadas a aquelas culturas que perpetúan a razón civil e tentan facer posible a vida de outros seres pensantes diferentes e ás veces máis débiles. Convivir civilizadamente facendo posibles outras vidas é o acto máis xeneroso dunha civilización.

Comparar que a “ultraesquerda” defenda, por exemplo os matrimonios gais, non é o mesmo que os da “ultradereita lle chamen “maricóns”.

Comparar que a “ultraesquerda”, defenda igualdade entre mulleres e homes, non é o mesmo que chamarlles “feminazis” pola banda da “ultradereita”. En calquera dos dous casos quen semella máis civilizado?... a quen lle interesa a verdade?

A ultradereita non vai facilitar a igualdade de cohexistencia entre homes e mulleres e se se trata de inmigrantes será cabeza en bandexa de plata.

A dereita non deixará que as mulleres decidan libremente sobre o seu corpo nin facilitarán a liberdade de expresión... un rapeiro irá dereito a chirona.

A quen lle interesa a verdade?

A masa, o outro día achegouse perigosamente e sen tapuxos a necedade de non constituir un acto civilizado e pensado. Pensar significa ter ideas razonadas, comparadas a outras, que dan como resultado o benestar colectivo. A masa non se achega a comparar, nin é consciente da súa incapacidade para pensar... só reproduce a víscera incivilizada dunha doctrina pouco civilizada, a cal nunca pensa na civilización,se non máis ben, en si mesma. Pero a masa impón, nesta Hespaña, a exaltación da vulgaridade... simplemente a masa non o ve. A masa é vanidosa.

Está claro que o Presidente agora mesmo, representa todo aquelo que a masa “talacabezas” odia, ata miña nai me di cando o Presi sae na tele “ai... sácamo de diante que no no podo nin ver”... e eu pregúntolle por que e miña nai retruca... ”non sei pero sácamo de diante”. Miña nai tamén é masa... visceral.

Xa o decía Fernán Gómez e Larra... a pior enfermedade de Hespaña é a envexa, e aquí o guapo suscita.... non sei o que suscita, a verdade.

Debe ser iso, porque, téndolle eu pouca fe ao Presi, os resultados electorais a todas luces, non representan unha resposta á sua xestión, millorable pero ponderada ás realidades sociais e económicas deste país; difícil, complexa, ilexítima, franquenstein, con ruido, paus nas rodas, poderes económicos na contra, insultos, linchamentos mediáticos, o falcon sempre presente, guerras, pandemias, mentiras, desobedencia nas leis e Costitución e autonomías sublevadas e Jiménez Losantos... son un ronsel de actitudes e estratexias que non só vin, senón que comprendín e que non deixaron un minuto para que o Presi gobernara con certa calma, tiña dereito a gobernar no tempo que lle tocou. A oposición non foi un contrapeso, senón outro peso máis. Unha oposición incivilizada e bárbara. A masa vota barbarismo.

Que precisaría o Presi para seguir no cargo, pois que a masa lle perdoara todo como llo perdoa á dereita, nin máis nin menos. A masa ten ideas dentro de si e imponas.

A esquerda é máis crítica consigo mesma e ás veces é un SINDIÓS... pero a dereita nunca fará autocrítica nin das guerras nin das burbullas de Aznar, nin dos hilillos nin do imposto ao sol, nin entrar a saco en Cataluña de Rajoy para deixarlle despois o morto, nin dos carteliños da Xunta “apadrinando” mulleres para que non sexan tan “descocadas”. Unha masa intolerante e prexuiciosa.

Mandagüevos.

Ben, a masa, a sabendas de que a dereita en canto poda, privatizará todo o que se mova... arremeda e vota.

A masa, a sabendas da fórmula de privatizar a sanidade e o ensino e permitir a separación de sexos nos colexios... arremeda e vota.

A masa, a sabendas do que aconteciu nas residencias, cunha orde de non salvar a os probes insalvables... arremeda e vota.

A masa... a sabendas do rescate de 60.000 millóns que se fixo á banca, arremeda e vota.

A masa, a sabendas do pufo das autestradas...”no las pagará la población”... arremeda e vota.

A masa... a sabendas da lei mordaza, arremeda e vota.

A masa... a sabendas da tala indiscriminada... levan xa 70.000 árbores en Madrí... arremeda e vota.

A masa... a sabendas de como trataron Filomena e o metro de Madrí... arremeda e vota.

A masa... a sabendas de que o tema climático, só vai servir para extraer toda a materia prima que se poda e decindo unha e outra vez que o cambio climático non é para tanto... arremeda e vota.

A masa... a sabendas de que houbo crisis económica galopante e de que a tratarían outra vez do mesmo xeito... arremeda e vota.

A masa... a sabendas de que só lles importa o capital monetario, o capitalismo trumpista e non o humano... arremeda e vota.

A masa... a sabendas de que soldos e pensións estaban estancados e non aproban subidas de salarios... arremeda e vota.

A masa... a sabendas ou non... prefire campos de golf en plena sequía.

Feijoo cada vez está máis perto de mandar na masa e en realidade.... no fixo nada, nin aportou nada, nin dou ideas,nin argumentos... sen dar un pau a auga, dende que nos deixou, bendita sea, sae adiante por arte de maxia. Que alguén me diga que fixo... nin siquera farolas puxo.

Acordádevos disto... foron os poderes económicos os que quentaron o ambiente e a masa arremedou aos poderes, que pediron a cabeza do Cristo e soltaron a Barrabás no seu sitio... arremedaron, pero hoxe rézanlle a un tal Cristo.

Pensade nesto... algo pasa con Sánchez e non é só a xestión. Por que se ca que está caendo gobernara a dereita... dereitiños iamos a outro “rescate”.

Este goberno, ao que a masa chama franquenstein é unha representación muito máis plural e civilizada de Hespaña, xa que integra muitos diferentes pensares e xentes que ten dereito a ser representadas. A dereita négalle esa representación chamándolles golpistas, filoterroristas ou batasunos. A dereita non ten educación e a masa erixese a sí mesma como defensora da vulgar necedade.

Igual o problema no ten o Presi... igual o ten a masa que arremeda ó Poder.

O cliente non sempre ten a razón... aínda que pague.

Pero así é todo, o SR. PRESI... precisaba dunha boa reprimenda, polo que pasou en Melilla e no Sahara... que a dia de hoxe... mutis polo forro.

Hoxe escuiteilles dicir á dereita que queren volver a os valores de Hespaña... e a Hespaña xa non a coñece ni la madre que la parió. Igual que a ultradereita que mandou un programa electoral común para toda esa Hespaña... así que o arranxo do alcantarillado era para todos, aínda que xa o tiveras. Para eles somos e seremos... ”todos igualicos, como el difuntico de su agüelico”, que se cargou as linguas para que falaramos todos... ”españolico”.

Este ano fui o primeiro que votou a miña filla, nin sei a quen nin me importa, só me importa que mire, que teña criterio, que observe as derivas e vote en concencia, é o único xeito de que non arremede ou arremede pouco.

Os partidos locais, eses que están perto da túa cidade ou da túa poboación, desaparecen, desaparecen porque a masa, traga que traga sempre o mesmo e nin siquera soña cunha maneira de facer diferente; mirar a vida dun xeito diferente xa non está ao alcance da masa que se repite a sí mesma nunha singladura bipartidista, anclando o futuro da xente máis nova a ese capitalismo que os deixará tirados se non estudan informática ou algo pior.

Esa masa que ve na tecnoloxía o resultado do progreso sin sospeitar sequera que é a civilización a que crea a posibilidade para eses utensilios que na balanza, crean máis problemas que dos que resolven.

A masa pouco agradecida de que a ciencia busque solucións para os seus males, deixando tirada e privatizada á xente que se dedica, precisamente a evitar males maiores vestidos cunha bata branca. Quen berra por eles? Masa desagradecida.

Eses partidos, de marcado carácter social, son borrados, barridos polos berros histéricos dos poderes da dereita a base de insultos e mentiras... comunistas bolivarianos perroflautas e mareas galaicas sufren o síndrome dunha masa estresada e iracunda que ven na ira da dereita un refuxo patético e consolador, sen darlle a outros a oportunidade de demostrar que é unha xeración millor preparada, máis decente e humana, con tódalas meteduras de pata. Os maiores non lle perdoan nada a os máis novos porque se sinten ameazados de perder a pensión.

O primeiro anuncio do “futuro Presi” é sacarlle o imposto a os ricos e as eléctricas. Non ten a dereita un percorrido abondoso no sufrimento, medo e desgaste desa masa, para ter que repetir ese percorrido unha e outra vez?

Vivimos nunha perpetua rotonda da que máis valería coller a primeira saída, antes de chegar a Madrí pola dereita.

E iso que eu non teño ideoloxías políticas... que se as tivera... arreglaría todo na taberna, que é onde se arranxan os asuntos.

Xa me van exiliar dentro dun par de meses... non vos ocupe. Masa.

Acabouse esto de amasar.

  • Nando Lestón. Artista, pintor e escultor que vive en Carnota.
 

MÁIS ARTIGOS DE NANDO LESTÓN EN QPC

Comentarios