Xoves. 28.03.2024
El tiempo
Nando Lestón
11:42
26/05/23

No país dos cegos o torto é o rei

No país dos cegos o torto é o rei

Este domingo, á súa horiña, está previsto que muitas persoas, cada ves menos, vaian cumplir cunha liturxia encomendada a deixar as cousas no seu sitio; tal cal están e levan sendo case dende sempre.

Uns mandarán e outros serán mandados; así semella que as cousas funcionan, mais Nós sabemos que non.

A angustia proletaria seguirá o luns, as reclamacións do campesinado seguirán o martes, os mariñeiros faenarán o mércores, os médicos e enfermeras terán o seu o xoves, as mulleres e os seus “traballos”lidiarán co venres, a cencia do cáncer non curará o sábado e o domingo, unha semana despois, descansaremos... mal.

Para os autónomos non hai semana, tódolos dias son luns. E para a cultura hai que inventar un dia máis.

Votar é un deber e tamén un dereito... ou un torto, a según se mire, pois o que se evidencia é que, votando eu a quen voto, outros votarán o contrario e definitivamente ese voto contrario irá na miña contra. Lícito sí, mais é unha putada, por que, ao entender eu o mundo como o entendo, outro o entenderá de xeito distinto e eso non nos arrima, por muito que o entenda.

O escritor Vargas Llosa dicía un día que había que votar, pero votar ben. Supoño que por votar ben el entendía que había que votar a quen el vota, pero ten máis miga.
Realmente podes votar por interese particular (iso é votar mal) ou podes votar por interés común (iso é votar millor) ou podes votar por concencia despois de erguer a mirada e comprobar, que aquel polo que levas votando toda a vida como se fora xogar á lotería, sempre co mesmo número anque non che toque, non fixo outra cousa máis que pasar de ti e dos teus e facerse forte no poder gracias a ti, precisamente.

Antigamente as mulleres votaban o que lles decía o marido. Papeleta na man e que non me entere eu de que votas a outro.

Por outra banda, daquela os homes tampouco se gastaban muito criterio. Ou eran republicanos ou eran monárquicos e tirando para diante que a historia quedou atrás... enterrada no limbo das escolas.

No territorio da Costa da Morte nin se vota ben nin mal, vótase, coma noutros lares asegún o teu color político ou se coñeces ao candidato que, como é da túa parroquia, algo facerá por éla.

Na Costa da Morte fálase o Babelio, idioma común a todos que ninguén entende, pois uns falan dereito, outros torto e outros, candidatos pola veciñanza, nin a veciñanza lles vota.

Pero dende o meu punto de vista a politica e as súas cores representan o pensar variado dos meus veciños costeiros. Así que podo ir a Camariñas e ver un encarnado como podo ir a Laxe e ver azul... así vou transitando por todo o arco da vella sen saber onde estou. Está claro que non todolos concellos temos nin a mesma visión do mundo nin as mesmas necesidades... nin o mesmo xeito de arreglar os asuntos... ou sí... votando de novo.

Tamén é certo que muita xente saíu escaldada de votar a quen votou... prometer antes de votar e despois de votado, nada do acordado.

Así e todo, existen uns referentes de como as políticas das diferentes cores se traducen socialmente, sempre tendo en conta de que en todolos concellos se cocen fabas e aquel que representa unha filosofía política preferiu coller os cartos do constructor de turno e bailar a marimorena nas Feroes.

Vou comentar esa filosofía política, que se traduce en feitos para a veciñanza e que esta, distraída polas suas conviccións, muitas veces non ten en conta, a sabendas de que as miserias humanas sempre estarán presentes. Teño pois que lembrar, que vindo no tren de Madrí, fai muitos anos, atopei cun veciño de Muxía que decía... ”tiña que haber cada ano un Prestixe”; aquel home non comía peixe, comía cartos.

PSOE: a maior parte aínda non chegaron a maioría intelectual, pois defenden ao traballador e ao proletariado pero traballadores e proletariado están como estaban, traballando e proletariando. Porén, aínda que acusan unha marcada política social, débense tanto á “estratexia” de Partido que as ferramentas deseñadas rapidamente quedan desfasadas nas políticas locais.

Ás veces sofre de soños de grandeza pero aí dentro hai muita xente cos pés na terra que pon empeño en facelo ben, iso significa, dar cumprida saída aos seus votantes que, polo xeral, foron traballadores de clase media baixa e que viron acadados algúns avances económicos e sociais. Pero tamén foron os socialistas os encargados de desmantelar grandes sectores de riqueza.

Non se lles pode perdoar algunhas falcatruadas, a xuicio político deben ser sometidos constantemente por que ás veces adereitanse e non hai quen os entenda.

Recoñecer que este pais é millor con eles dentro, pois case todolos dereitos que fomos acadando formaron parte do seu decálogo de conquista social.

Eran unha pandilla de jipis e hoxe son un pouco pijipis.

PP: o mantra de que eran bos xestores xa o fomos comprobando. Xuicios a tutiplé por mangoneo. Para min son zombis doustros tempos que representan a escuridade.. Mordor... pero teño amigos.

Na súa filosofia son paternalistas e un pouco engreídos. A súa palabra vale menos que un carballo no monte e onde dixo digo... se hai pasta polo medio.

Actuan a feitos consumados e a súa veladura é gris pero son uns cachondos mentais. A arrogancia e mentiras constantes lidian ca perturbadora maneira que ten de entender o mundo. Non ten estratexia de partido... van todos a unha con todo, sexa certo ou falso. O seu discurso é anacrónico e estemporáneo e soñan cun novo “mañán.” Aínda ten a os mortos nas cunetas e non semella preocuparlles muito, e a os que lles votan, tampouco.

Andan ceguiños de ira e fobias ,xente con muitos prexuizos e catolicillos de balcón.

Usan o territorio como o seu feudo e Galicia impórtalles un bledo. Maquinan dia e nuite para que todo siga como está. Codéanse co diñeiro, ata agora fui o único que lles importou. Empresariado e Banca son as súas muletas, a xente vai collendo as frangullas. Aínda así e todo, topeime con xente deste partido que era máis sensible á cultura que os arriba mencionados.

Están sempre intentando negar o innegable e viven bastante de costas á realidade; eles constrúen a realidade na que logo che obligan a vivir. Castigan sen compasión e son capaces de cobrarche o sol e amordazar a todo quisqui para non ter que dar muitas explicacións. Tamén son amigos de xogar ca plastilina e irse de caza mentras outros limpan a merda das suas decisións.

Pero algo bo terán. Ah.. si... visten ben.

BNG: Os sufridores eternos dunha política criolla e caciquil. Danlle darriba e dabaixo. Son nativos deste pais e gústalles a mestizaxe xa que representan valores universais no ámbito local. Son os máis humanos e os máis normales; falan de cousas tan reales que a xente nin o ve, por elo lle votan pouco. Defenden a lingua e a cultura e un xeito de facer propio, tan propio que ás veces non se entende.

Pero a diferencia está en que, mentras o PSOE pón os eólicos e o PP lles saca partido, o BNG berra o que pode “eólicos sí, pero non así”... e a xente tampouco semella interpretar esta difencia, diferenciadora.

Hai unha importante distancia entre o pensar social e o pensar económico... o pensar humano, en términos humanistas. Seguramente sexa o partido da xente. Non sei mui ben como decilo.

A economía non é empática.

Así que a deriva ten que ser forzosamente social. Se ven duras xa sabemos o que hai co pensar da dereita. Atrás quedas... mai fren.

Entón entra o pensar na xente e no territorio. Nese sentido están máis pertos que ninguén... os seus técnicos non son tan devastadores.

Ten feito das súas pero son máis aperturistas. Non meten tanto o freno.

Goza te toda consideración no que a filosofía política se trata, consideran, como así é, que Galicia é unha Nación, por méritos propios na Historia; e non sinten complexos en manifestalo abertamente, faltaria máis. Castelao é unha autoridade moral porque é un filósofo da Nación. E naciu así, que lle imos facer. Entender Galicia, dun xeito intelectual é tan importante como manter a sua economía saneada.. e aí... a Costa da Morte ten muito... muitiño que camiñar.

Porén... eu para o meu Concello plantearía un sistema diferente: UN CONCLAVE DE SABIOS. Por fin acadariamos o estado perfecto da democracia que pasa por representar a todo mundo. Pero como tampouco quero que me tomen por Piter Pan vivindo nas nubes, seguramente con que houbese acordos nas cousas importantes, xa me conformaría.

Así que,votade pero... VOTADE BEN.

Anque sea para darlle na testa a Vargas Llosa.

Se iso xa sabedes, outro día gobernamos o mundo pero non aquí... na taberna, que é onde se arreglan os asuntos.

Bon vuallax.

  • Nando Lestón. Artista, pintor e escultor que vive en Carnota.
 

MÁIS ARTIGOS DE NANDO LESTÓN EN QPC

Comentarios