Domingo. 06.10.2024
El tiempo

Tino González (@carnotanatura): “Ata que o ves de cerca, todos os paxaros son iguais”

Falabamos a semana pasada con Javier Carballo pola súa paixón pola fotografía e a natureza. E hoxe, Día da Candeloria, o día no que casan os paxariños, descubrimos outro dos perfís que namoran da rede costeira. Falamos con Tino González, voceiro do PP carnotán dende as últimas eleccións que dende outubro de 2020 descarga a súa paixón pola natureza no perfil de instagram @carnotanatura.
Fotos de Tino CarnotaNatura
Tino González entre algunha das súas fotos publicadas no perfil de IG @carnotanatura
Tino González (@carnotanatura): “Ata que o ves de cerca, todos os paxaros son iguais”
Este home, natural de Pedrafigueira, traballador dende hai máis de 30 anos como xestor de empresas, simplemente gusta publicar as súas fotos “coa intención de dar a coñecer á nosa fauna”. Todas as imaxes son recollidas da Rede Natura do Concello de Carnota (algunha na Lagoa das Xalfas, pero a meirande parte da Berberecheira, da Poza da Cangrexa, da zona de Susiños,

Son famosas xa as denosiñas de Susiños. Pero tamén a lavandeira, o chasquiño, verderón, pardillo, chochín, escribano, garza real… mesmo faisáns que Tino ten cazado coa súa cámara, practicamente sempre na Rede Natura do Concello de Carnota. Se ben algunha é da Lagoa das Xalfas, a meirande parte saen dos seus paseos de ribeira pola Berberecheira, a Poza da Cangrexa, a zona de Susiño, Carrofeito, a Poza do Corvo, os xuncais da Raña… As súas entradas son verdadeiras leccións de léxico galego da nosa avi-fauna e dos topónimos, en realidade.

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

A post shared by Tino (@carnotanatura)

 
  • QPC: De onde nace esta paixón pola natureza e a fotografía?

A paixón pola natureza que nos rodea sempre estivo conmigo, pero o feito de buscala e capturala nunha foto xurdiu fai un par de anos, buscando unha actividade que me transmitira calma e satisfacción, unha maneira de desconectar do traballo, e de relaxarme. 
Concretamente o primeiro confinamento foi o desencadenante que me proporcionou tempo para crear a conta de Instagram, como un caixón onde gardar as capturas dos paxaros e outros animaliños que topei no camiño, e máis adiante incluso en poder ensinalas a quen tivera o mesmo interés pola fauna local.
É unha pasada, ata que o ves de cerca, todos os paxaros son igual.

 
  • QPC: Sorprendido polo éxito que está tendo o teu perfil?? Dixéronme por aí que as imaxes chegan mesmo ao outro lado do Atlántico?

Si, realmente si foi unha sorpresa, porque as redes sociais non son o meu forte, xa que tes que ter tempo libre para dedicarlle o instagram. 
Pero, é moi satisfactorio que xente da zona, que vive aquí ou que vive fóra ou que son de fóra, lle gusten as fotos que publico porque se sinten cerca da beleza que ten a nosa terra. Algúns non acaban de crer de todo cas fotos sean daquí.

 
  • QPC: Gustan mesmo no outro lado do charco, teño entendido?

Si, chegáronme parabéns dende EEUU, e mesmo houbo algún que me pediu que vir sacar fotos por aquí. Pero a verdade é que se vas acompañado non fas tantas fotos… (risas).

 
  • QPC: Botando un ollo ás fotos, a primeira cousa que nos chama a atención é a variedade de fauna que hai nunha zona tan pequena como a que soes practicar, non? É riquísima Carnota!!

Por algo Carnota está dentro de Rede Natura 2000, precisamente pola súa riqueza de fauna e flora. 
Cando empecei a sacar as primeiras fotos, decateime precisamente desta gran variedade e de que na vida diaria non nos damos conta, porque non nos paramos a contemplala. Os chascos, as garzas, as denosiñas, non se paran diante de ti para que os fotografíes, ti tes que esperar por eles.

 
  • QPC: Podes describirnos, paso a paso, como é unha das túas escapadas?

A miñas escapadas son solitarias, non pode ser doutra maneira, a primeira hora do día ou incluso pola tarde. Busco os lugares onde paran, pode ser unha pola, unha silveira, unhas pedras, unha fonte, unha charca,... sitios que lles gustan a eles. Non digo lugares concretos, pero si localizo a zona nas miñas publicacións.
Hai que camuflarse, hai que adaptarse á natureza, e ter moita paciencia, moita paciencia.
Iso si, polo verán hai demasiada xente, e facemos moito ruído e aos paxaros non lles gusta.

 
  • QPC: Cal é a túa ruta favorita?

Todas as que fago, e repito buscando capturas novas nos mesmos sitios: Susiños, Carrofeito, Berberecheira, A Lagoa, Poza do Corvo, etc. a xente de aquí sabe onde están.

 
  • QPC: Cales son os animais que máis che teñen costado cazas? E os que andas detrás e non das atopado?

O que máis me costou foi a serie fotográfica da denosiña cazando ao lagarto ocelado. Unha escena así só a podes presenciar unha vez na vida, e tendo sorte.

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

A post shared by Tino (@carnotanatura)

 
  • QPC: Cales son os que máis che gusta observar? Os que dan máis curiosidade? Que che aportan esas denosiñas en pleno proceso de caza, eses lagartos pachorros ou esas aves fugaces?

Gústame observar ás collalbas, as lavandeiras, pero en xeral todos paxaros cando están bebendo ou buscando comida, ou bañándose e sen decatarse de que están sendo fotografiadas. O que sen dúbida as capturas apórtanme satisfacción personal.

 
  • QPC: Botas de menos algunha infraestrutura para o avistamento destes animais? Cres que a ornitoloxía podería ser un foco de atracción turística para un Concello como Carnota?

Si, poderíase proxectar e instalar algún "hide", lugares de observación dos animais. Hai un en Boca do Río, pero está demasiado lonxe dos paxaros. Son pequenas infraestructuras que potenciarian o turismo ornitolóxico e fotográfico, que é un turismo de calidade e moi respetuoso co medio ambiente e co medio natural. Un tipo de turismo interesante para Carnota.

 
  • QPC: Aproveitando, e sabendo que volverás presentarte para alcalde polo PP carnotán nas eleccións do vindeiro 2023. Non cres que estivo demasiado axitada socialmente a vida política municipal nas últimas eleccións, aínda que a vós non vos tocase tan directamente? Esperas que calme un pouco o ambiente?

A min gústame respectar sempre a xente. Non me gusta facer dano. Ten que ser un debate político, da xestión, e non mesturar cousas persoais. E aí liáronse en cousas… pero no fondo seguen colaborando o mesmo. Nós para gobernar teremos que levar unha maioría. Eu propuxera colaborar aos dous partidos e aínda estou esperando…

 
  • QPC: A nivel municipal cres que sería posible pactar con todas as forzas políticas, independientemente das siglas?

“Como vai negociar PP e BNG?”, preguntábanme. E eu creo que temos que negociar todos. Ata fomos nós os que lle aprobamos a dedicación ao alcalde…

Novas relacionadas

Comentarios