Martes. 30.04.2024
El tiempo

A CIG critica o circo mediático do cruceiro mentres esmorecen os postos de traballo no Porto de Brens

A CIG critica o circo mediático do cruceiro mentres esmorecen os postos de traballo no Porto de Brens
Traballadores no Porto de Brens-Foto-David Trillo Gallego

Levan meses denunciando a falta de incumprimento do convenio laboral no Porto de Brens. Pero a administración fai caso omiso deses problemas e por iso, a CIG entende que as últimas aparicións da alcaldesa de Cee e o Presidente de Portos de Galiza para anunciar a chegada dun cruceiro constitúen unha especie de “circo mediático” que desvían “a atención dos problemas reais do Porto de Brens”.

E quere deixar claro a CIG que “non se opón á chegada doutro tipo de tráfico, pero este negocio non soluciona os problemas das instalacións de Brens nin no relativo á operativa, nin á consolidación dun tráfico marítimo que repercuta economicamente na comarca e na creación de postos de traballo”, sinala.

Así, a Unión Local da CIG de Cee “denuncia o rebumbio propagandístico outorgado á próxima chegada deste barco, cando se está a desatender un dos principais problemas do porto: a destrución de emprego por parte do ente público Portos de Galiza, coa complicidade da alcaldesa, que semella non velar polos intereses de creación de postos de traballo no seu Concello e polo futuro da actividade de Brens”.

A este respecto, lembran que “no pacto regulador das condicións laborais que está asinado entre os traballadores/as, Portos e as empresas cargadoras, fíxase un mínimo de 11 operarios de estiba, dos que nestes momentos tan só quedan 4, porque o ente público non está a substituír ao persoal que se xubila. Portos de Galiza condena así á desaparición a este servizo público, garante do emprego directo no porto”.

Denuncian que “a falta de cumprimento do pacto está a impedir a creación de moitos empregos dignos, tan necesarios na nosa comarca, e tamén facilita a Xunta (Portos de Galicia) permitir graves incumprimentos legais e un xeneralizado intrusismo empresarial e laboral, como a CIG xa ten denunciado en numerosas ocasións. Esta situación, ademais, provoca que a Xunta de Galiza deixe de recadar ingresos a través da facturación no porto de Brens, favorecendo ás empresas privadas”.

E non van quedar aí as queixas. A CIG “valora posibles indicios de prevaricación por parte da Xunta con esta actuación, polo que a asesoría xurídica da central sindical está a estudar estes feitos, e no caso de detectar irregularidades poraas en coñecemento da Fiscalía”.

Novas relacionadas

Fonte

  • U.L.CIG-Cee.

Comentarios