A Costa organízase contra o repago sanitario
"O Copago mata". Ese era o lema das concentracións que percorreron todo o país, convocadas ás portas dos centros hospitalarios pola Iniciativa Galega pola gratuidade da Sanidade Pública. Unhas concentracións que chegaron ata o Hospital Virxe da Xunqueira, onde unhas 60 persoas manifestaron o seu rexeitamento ao repago sanitario.
A plataforma convocante, co apoio do BNG e da CIG, recordaron o perigo real da resolución de 10 de setembro da Dirección Xeral da Carteira Básica de Servizos do Sistema Nacional de Saúde e Farmacia na que se aprobou o re-pagamento de medicamentos de subministración en farmacia hospitalaria e outras recollidas no R/DL 16/2012 de 20 de abril como a aprobación do anterior repago farmaceutico, pago de próteses, do transporte non urxente, etc. Unha resolución para que piden a derogación inmediata, para que non sirva de "torpedo na liña de flotación dun sistema sanitario público, universal e gratuíto".
O Concello de Corcubión asume o repago
Un dos primeiros concellos en tomar medidas sobre o asunto é o Concello de Corcubión, que "manifesta o seu rexeitamento ao novo copagamento farmacéutico que se suma a outros aplicados á atención sanitaria. Por tal motivo esta administración local, mediante a dotación dunha nova partida no capítulo de emerxencia social, prevista para o orzamento municipal do 2014, asumirá o copago farmacéutico que afecte aos veciños doentes crónicos máis necesitados e sen recursos".
Desde Corcubión opóñense a "este novo repagamento, que se suma ao do transporte sanitario non urxente ou o material ortoprotésico, acordado polo Goberno popular que obriga a que os doentes crónicos paguen polos fármacos que precisan", inciden dende o concello.
Novas relacionadas
- A cidadanía toma as rúas da Costa da Morte en clave de protesta.
- O BNG de Bergantiños loitará nos plenos contra o copagamento santario de medicamentos.
- “Non ao recortes sanitarios”.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected])
- Nota de prensa da Plataforma, da CIG e do BNG. E Nota de prensa do Concello de Corcubión.