A UCGAL informa en Cee sobre as cláusulas chan e outras problemáticas financieiras


Interesante, interesantísima a charla informativa que dará a Unión de Consumidores de Galicia este xoves 19 de maio no Salón de Actos do Concello de Cee. Problemáticas fiscais e financieiras que nos atinxen a todos, sobre as que a UCGAL informará detidamente, centrando o seu traballo na defensa dos dereitos económicos dos cidadáns.
A primeira destas charlas sobre os dereitos económicos de consumidores e usuarios celebrarase o vindeiro xoves, 19 de maio, no Concello de Cee. Esta acción formativa abordará tres grandes temas: cláusulas chan, créditos rápidos e o imposto de plusvalía municipal. A actividade levarase a cabo no salón de actos do concello, ás 20:00 horas.
Contexto económico
Nun contexto no que está próxima a resolución do Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre as cláusulas chan, no que o número de casos por problemas derivados cos chamados créditos rápidos vai en aumento e no que vén de detectar que os cobros dos concellos polo imposto de plusvalía municipal non se corresponden coa realidade; UCGAL entende que as persoas consumidoras necesitan información correcta e actualizada sobre estas cuestións para seren capaces de facer valer os seus dereitos económicos en todo momento.
Neste sentido, esta organización ten previsto realizar charlas informativas de carácter gratuíto centradas na defensa dos dereitos económicos dos cidadáns. Asemade, UCGAL proporcionará axuda legal a aquelas persoas que necesiten asesoramento específico nesta materia.
Cómpre destacar que, malia vivir no séculos das tecnoloxías, Galicia segue sendo unha comunidade na que é necesario levar a información e a formación ata a xente. Esta organización considera que achegar recursos formativos e informativos ó conxunto da poboación é un labor fundamental para que as persoas consumidoras coñezan os seus dereitos e sexan capaz de exercitalos en todo momento.
Fonte
- UCGAL.