Absolven a unha acusada de tentar matar á súa nai en Cee
A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña vén de absolver a unha acusada de tentar matar á súa nai e de maltratar ao seu pai, tetrapléxico, en Cee.
O tribunal considera probado que a sospeitosa discutiu coa súa nai no domicilio familiar e lle quitou o teléfono polo que estaba a falar. Despois, segundo o fallo, baixou á habitación na que estaba o seu pai, onde se produciu unha discusión durante a que a acusada lle lanzou unha ou varias pezas de roupa. “Non consta que executase acto algún contra a vida da súa nai ou contra a integridade física do seu pai”, salientan os maxistrados.
“Existe proba, pero o seu contido non permite establecer que teña a robustez esixible para sustentar un pronunciamento de condena, dada a súa insuficiencia para determinar máis aló de toda dúbida razoable os aspectos esenciais de feito e acción”, afirma o tribunal. Contra a resolución cabe presentar recurso.