Mércores. 20.01.2021
El tiempo

Antón Recamán: ““As mans atlánticas da ausencia” nace do silencio”

Antón Recaman presenta o libro "As Mans Atlánticas da Ausencia"
Antón Recaman presenta o libro "As Mans Atlánticas da Ausencia"
Antón Recamán: ““As mans atlánticas da ausencia” nace do silencio”
Antón Riveiro de Dios (Cee, 1985) escribe como Antón Recamán “porque Recamán era o segundo apelido de miña nai. Recamán é un apelido que se vai perder na familia, non pasará á seguinte xeración e por iso gústame usalo”, explícanos.

Actualmente imparte clase de Inglés no IES Terra de Soneira, en Vimianzo aínda que tamén traballou no Manuela Rial Mouzo hai uns anos onde impartía clase de galego e de inglés. Este licenciado en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, despois de sacar dous mestrados ten praza como profesor de inglés, pero aínda segue formándose sacando o Grao en Lingua e Literatura Castelás pola UNED.

Entre todo ten tempo para escribir e vén de publicar “As mans atlánticas da ausencia”, un poemario editado por Urutau, que afonda sobre os seus adentros.

 
  • QPC: De onde nace o novo poemario? que transmite?

Sempre digo que este poemario nace do silencio. Cando es unha persoa moi reservada e apenas falas sobre segundo que emocións ao final estas teñen que saír por algún lado. Na escritura atopei unha especie de catarse, un lugar no que illarme comigo mesmo e deixar saír cousas que doutro xeito dubido que puidese exteriorizar.

Neste poemario falo moito sobre a perda a partir da morte. É unha emoción que por desgraza a todos nos tocou ou tocará sufrir nalgún momento. A perda dun ser querido é un sentir moi complicado de xestionar. Hai moito tamén da miña infancia; hai poemas que xorden dunha procura de recordos e de emocións que foron ficando na memoria e que intentei recuperar como contrapeso a situacións do eu actual. Logo todo isto vístese de mar, de costa, de praias, de faros, de escuma e baleas... de todo o que dalgunha forma teño arredor. Ao final entendo que todos somos o que sentimos mais tamén o lugar que nos habita.

 
  • QPC: Dende cando escribes? de onde che vén ese amor polas letras?

A escritura sempre estivo aí, dende máis novo, aínda que é certo que duns anos a esta parte atopei nela un acougo que se me fixo máis necesario. Recordo escribir algún poema xa con dezaseis ou dezasete anos. Despois remataban sempre no lixo! Pero o gusto por escribir xa estaba aí.

Dende ben cativo sempre me gustou moito ler, recordo ir facer con meu pai o carnet de lector da biblioteca de Cee con sete ou oito anos. Adoitaba ir moitas mañás de verán a ler cómics ou libros infantís e tamén adoitaba levar libros en préstamo que ía lendo na casa. Máis adiante foron fundamentais dous profesores que tiven no Manuela Rial Mouzo, colexio onde estudei dende os tres até os dezaseis anos. Falo de Antonio Antelo, hoxe merecidamente retirado, e de Jesús Sánchez, que hoxe é o director do centro. Ambos foron os meus mestres tanto de lingua castelá como de lingua galega e foron os que me puxeron no camiño das letras e os que me inculcaron o gusto pola literatura. Seguramente sen eles nin tería estudado o que estudei nin tería descuberto o gusto pola literatura e as linguas.

 
  • QPC: Fas só poesía ou algún outro xénero?

Polo de agora só poesía. Algún día gustaríame intentalo coa narrativa, algunha historia curta para empezar e ver se son quen de contar algo que poida resultar interesante. Aínda que a día de hoxe, sendo honesto, non me vexo capaz diso.
Este é o meu primeiro poemario completo aínda que teño poemas publicados en dúas revistas. Unha delas é a revista de creación literaria da UNED “Mar de Letras” na que colaborei con algún poema en castelán e a outra é a revista “Ligeia” coa que colaborei con dous poemas no seu terceiro número. Ambas están dispoñibles en liña de xeito gratuíto.


 
  • QPC: Onde nos podemos facer cun exemplar? Vai haber algunha presentación?

Ata hai moi pouco o libro estaba dispoñible en venda anticipada na páxina web da Editora Urutau. A día de hoxe pode mercarse tanto na web da editora como en libraría por encarga.
En canto ás presentacións imos agardar a que mellore a situación sanitaria con esta segunda onda da pandemia e logo seguramente argallaremos algunha presentación mais, polo de agora, non hai nada en firme.


  
  • QPC: Quere referentes costeiros, galegos e mundiais tes? Que valor lle das ao Batallón Literario?

Leo moita poesía tanto en galego como castelán ou inglés. Creo que non podería citar só un ou dous referentes, ao final todo o que un le forma parte do que logo escribe dun xeito ou outro. Actualmente estou lendo e relendo moito a Luna Miguel, unha poeta que escribe en castelán e ten un estilo que me gusta moito. Escribe unha poesía moi descarnada e visceral, moi potente e estou desfrutando moito dos seus poemarios. Alejandra Pizarnik paréceme incrible. Coñecendo un pouco a súa vida ver o que escribiu impacta moito máis. Tamara Andrés, que escribe en galego, ten obras preciosas aínda que Bosque Vermello, que publicou hai non moito, paréceme unha marabilla. Agora vou empezar con Lois Pereiro de quen puiden mercar unha antoloxía poética á que lle tiña gana dende hai tempo.

En canto ao Batallón Literario da Costa da Morte que podo dicir. Pois que é un referente absoluto. Eu tería uns dez ou once anos cando eles comezaron a facer recitais e levo escoitando falar deles toda a vida. Esa paixón por sacar a poesía á rúa e recitala de viva voz foi o xerme de moitas cousas que se fixeron despois e que se están facendo hoxe en día. Teño especial admiración por Estevo Creus, lin moitas das súas obras e é quizais quen máis fondo calou na miña forma de escribir. É curioso porque ademais a casa da miña avoa, onde eu pasaba moito tempo de cativo, está xusto enfronte da casa dos pais de Estevo.

 
  • QPC: Como valoras o estado de saúde da cultura, e concretamente o sector da poesía na Costa da Morte?

Estanse facendo cousas moi interesantes na Costa da Morte. O Fisterra Blues Experience é un festival que ten moita marxe de crecemento e penso que de seguro o vai facer. A edición de hai un par de anos mesturou con moito tino música e poesía cun resultado espectacular. O Festival Neghra Sombra, en Vimianzo, está dando os seus primeiros pasos aínda que este ano, por mor da pandemia, non se puido celebrar. Creo que tamén pode medrar moito e ser un lugar de encontro moi importante en vindeiros anos. En Corcubión fíxose este verán o Festival Artenauta no que se xuntaron artistas de diversos eidos durante tres días e tamén aí se fixeron cousas ben bonitas. Penso que se a tendencia se mantén e todas estas propostas atopan apoio por parte das administracións A Costa da Morte pode chegar a ser un lugar moi importante no mundo da cultura en Galicia e no que se dea cabida e visibilidade a diferentes expresións artísticas. Ogallá sexa así mais, como digo, ten que haber un apoio real e firme que chegue das administracións.

Outras novas poéticas

comentarios