As baixas provocaron un descenso na atención de consultas no HVdX


O balance dos resultados da actividade asistencial desenvolvida no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee ao longo do ano 2014, mantense na liña dos últimos anos. Así o anunciaba a Xerencia estes días, que recoñece que a actividade xeral na área de consultas externas, tendo en conta os resultados acadados no ano 2013, sufriu un pequeno descenso. I é que estes resultados víronse influenciados por situacións particulares de baixas por enfermidade de facultativos e tamén por outras circunstancias excepcionais de carácter laboral.
Así, o número de pacientes en lista de espera para unha primeira consulta por enfermidade mantense estable, pasando de 2.308 do ano pasado aos 2.391 deste ano, situándose o tempo medio de espera en 52,8 días. Pero iso si, a actividade das consultas preferentes de patoloxía mellorou, baixando a espera media destas consultas a 8,7 días no ano 2014 fronte aos 15,2 do 2013. E por outra banda, o número de teleconsultas realizadas en colaboración con Atención Primaria continua crecendo, pasando das 179 realizadas no ano 2013 ás 202 realizadas neste ano 2014.
Tempo de espera para invervención
A 31 de decembro do ano 2014, o tempo medio de espera para unha intervención cirúrxica en patoloxías con prioridade 1 no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee situouse en 12 días, necesarios para a correcta preparación dos pacientes. A espera media dos pacientes en prioridade 2 foi de 18,4 días. O tempo medio de espera global para ser intervido cirúrxicamente sitúase en 39 días e 348 pacientes son os que están á espera, con pouca variación en relación aos anos precedentes.
Número de intervencións
O número total de intervencións programadas en xornada ordinaria mantense en cifras similares ás de outros anos, acadando as 3.161 no ano en curso. O número total de intervencións realizadas foron 3.521 fronte as 3.534 do ano 2013. A xestión que se está a facer no Hospital Virxe da Xunqueira posibilitou un aumento do rendemento cirúrxico, pasando do 81,7% no ano 2013 ao 84,4% neste ano 2014.
Area de hospitalización
A cifra total de ingresos realizados o pasado ano acadou os 2.986, practicamente os mesmos que no 2013. A estadía media mellorou en relación ao ano pasado situándose en 5,3 días fronte aos 5,9 do 2013.
Área de urxencias
O número de urxencias atendidas aumentou lixeiramente en comparación ao do pasado ano, 15.819 en 2014 fronte ás 15.671 en 2013, manténdose en cifras similares aos demais anos.
Probas diagnósticas
O tempo medio de espera para a realización dunha Resonancia Magnética sitúase en 37,6 días, esperando aínda que chegue o “camión da Resonancia”. Por outra banda, redúcese en 1,4 días o tempo medio de espera para a realización dunha proba radiolóxica convencional, pasando dos 11,3 días o pasado ano, aos 9,9 deste ano.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
- Nota de prensa do HVdX.