As parroquias de Corcubión reciben cos brazos abertos a Desiré


Ateigada estaba a Igrexa de San Marcos de Corcubión para recibir a visita do seu novo párroco. Que non é outro que Desiré, o marfileño que ademais de Ameixenda, Brens, Buxantes, Cee e Toba, agora faise cargo de Corcubión e a Redonda.
Ata a vila corcubionesa desprazouse este xoves o señor Obispo auxiliar Jesus Fernández, nunha cerimonia amenizada pola Coral Airiños de Quenxe, e cunha marea de xente das novas parroquias corcubionesas, e mesmo das suas antigas Parroquias de Mazaricos.
Ao final da celebración e antes de que tomase a palabra Desiré, por sorpresa para el, un grupo de colaboradores das 5 Parroquias leron un comunicado onde expresaron a ledicia que supón para as mesas a incorporación destas duas novas parroquias e de agradecemento por todo.

O comunicado que se leiu foi o seguinte:
As Parroquias de Ameixenda, Brens, Buxantes, Cee e Toba dende hai un tempo comezamos a percorrer un camiño conxunto coma Comunidade, dada a situación de precariedade sacerdotal pola que pasa a Igrexa en España. Non foi un camiño doado. Supuxo certas renuncias e superar dificultades, pero, ós poucos, fomos abríndonos e decatándonos das grandes ventaxas que ten compartir a nosa fe nunha comunidade máis ampla. As grandes celebracións de Nadal, Pascua e Pentecoste, núcleo da nosa fe cristiá, as vixilias de Ano Vello, a catequese de confirmación, as convicencias, excursións… supoñen para nós un novo xeito de vivirmos a fe, moito máis xenerosa e gratificante, así como a creación de vencellos entre as persoas das distintas parroquias. Queremos agradecer ó noso Párroco, D. Desire, que sabe trasmitir e dar vida a este novo xeito de Comunidade, a súa dedicación, o seu enturiasmo e a súa fonda experiencia de fe e compromiso. Sentímonos motivados para seguir percorrendo este camiño iniciado e ledos por recibir ás Parroquias de San Marcos de Corcubión e San Pedro da Redonda e así continuar construindo unidade. Como di S. Xoan Crisóstomo, cuxa fe celebramos hoxe, “Apoiarnos uns a outros en asuntos do espírito, e o verdadeiro sinal da boa vontade entre irmáns, da irmandade cordial e do afecto sincero”.
