Cee quere lavala cara da súa noite
Hai unha semana varias denuncias obrigaban ao Concello a tomar a determinación de pechar varios dos locais da movida ceense. Unha Movida que xa non é a que era, pero que mantén 8 locais abertos e unha noite sabatina bastate decente. Nos últimos anos Santa Comba arrastra moita xente, pero Cee segue a ser o centro da festa xuvenil do sur da Costa da Morte.
Vai tempo que se presentan denuncias na Garda Civil, por ruídos na rúa ou falta de insonorización, por horarios mal respectados, por dualidade de licencia… Pero ata o da semana pasada non se chegara ao punto de pechar os locais. A noite estivo deserta, nun punto de inflexión que esperemos faga espertar aos hostaleiros da zona.
I é que parece que é máis importante pisar ao bar contiguo que intentar revitalizar a troula, sen decatarse que uns son necesarios para os outros, como en toda zona de movida. Deben ser todos os bares e pubs conxuntamente, apoiados pola desaparecida Asociación de Empresarios, a que se poñan a promover de novo Cee como centro da festa costeira.
Festa, pero legal
Tamén é certo que cómpre estar dentro da legalidade. Ruídos, os mínimos, bares perfectamente insonorizados, horarios respectados, e cada un conforme ca súa licencia. Precisamente este é un dos cabalos de batalla da zona, pois son varios os que con licencia de bares manteñen abertos ata horas que só poderían estar as discotecas.
Así o asegura José Antonio Leis, do Pub Nerio, un dos máis antigos de Galicia con 28 anos, reformado hai 5 e ca licencia aprobada 2 anos, pechado hai dúas semanas pola falta dun aparato de control de decibelios. "Hai pubs con licencia de bares, pero só o Nerio ten licencia de Discoteca, e unha cafetería non é para bailar", sinala, considerando que "se todos cumplimos os nosos horarios, nos iría mellor".
Dende aquí animamos ao grupo de hostaleiros de Cee que, respecten os horarios, ruídos e licencias, e que se unan para a promoción conxunta da zona de movida, pois consideramos que é o único camiño para recuperar o cenro de ocio que Cee ten que ser. I é que xa o di un mítico da noite ceense como Dj Alan, "Cee necesita un lavado de cara".
Máis información
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).