O Centro Dramático Galego estrea en Cee a súa nova xira
O espectáculo “As oito da tarde, cando morren as nais” nace na Costa da Morte. Esta semana, do 5 ao 8 de maio, o Centro Dramático Galego inicia a xira desta nova obra en Cee. O Auditorio Baldomero Cores acollerá varias funcións desta obra con dirección e dramaturxia de Marta Pazos, a peza conta no elenco con Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado.
A primeira función, o xoves, destínase a alumnado de ensino Secundario e de Bacharelato, no marco da compañía co ensino público galego. Pero o venres e sábado, as sesións serán ás 21,00 horas e o domingo, ás 19,30 horas, serán abertas ao público.
Importante é este feito de programar varias funcións nun mesmo espazo malia ser un lugar pequeno como a vila da Xunqueira, o que facilita a asistencia á veciñanza de toda a comarca.
Ademais, por primeira vez todas as representacións serán inclusivas, grazas ao sistema posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade que permite dispoñer de interpretación en lingua de signos, subtitulado e audiodescrición en todas as producións, tanto no Salón Teatro coma noutros espazos. “As persoas con discapacidade auditiva ou visual poderán gozar de calquera das representacións sen limitarse a sesións específicas”, salientou.
Recomendado para maiores de 12 anos, o espectáculo sitúa o público como elemento central e analiza de xeito crítico e irónico a relación entre o teatro e a súa recepción, cunha escenografía que reproduce un espazo de exhibición escénica.
As entradas para asistir están xa á venda na web ataquilla.com a un prezo de cinco euros, con descontos do 40% para diversos colectivos, e poderán adquirirse tamén no despacho de billetes.