![palestina]()
O Bng Costa da Morte fai un chamamento os veciños para acudir a
concentración que ten convocada para hoxe as
20:30 horas, na praza 8 de Marzo en
Cee, en solidariedade co pobo Palestino e contra dos ataques Israelitas.
Van xa preto de
200 persoas mortas, moitos deles nenos e nenas na nova agresión ao pobo palestino no transcurso dos bombardeos contra Gaza. O Bloque Nacionalista Galego da Costa da Morte quere expresar a total solidariedade co pobo de Palestina, que está a sufrir unha auténtica tortura por parte dun estado que se dedica a matar civís inocentes e a destruír as vivendas da poboación até deixalos sen nada.
Ademais, o BNG denuncia a conivencia con Israel da Comunidade Internacional e da UE, que non poden seguir impasíbeis ante unha agresión militar que ten o perfil dun auténtico xenocidio. E particularmente dos Estados Unidos por amparar, durante máis de 65 anos, un estado que incumpre sistematicamente todas as resolucións da ONU e é o principal inimigo da paz na rexión.
Outras cidades
Pola súa banda, Vigo, Ourense, Ferrol e Compostela viviron o pasado luns, 14 de xullo, senllas mobilizacións convocadas por diversas organizacións sociais e de solidariedade, entre elas
Mar de Lumes,
BDS Galiza,
Galiza por Palestina e a
Asociación Galaico-Árabe Jenin.
En Compostela, a manifestación saiu as 20:00 da praza do Toural con arredor de 400 persoas, percorrendo varias rúas da cidade e voltando á praza para a leitura dun manifesto que se leu tamén no resto de cidades, e a información de novas actividades solidarias programadas.
En Vigo, unhas 300 persoas ocuparon a farola da rúa Urzaiz baixo o lema "Solidariedade co pobo Palestino" e concertaron xa novas mobilizacións para a próxima semana.
En Ourense, a afluencia de 150 persoas convertiu o que inicialmente había ser unha concentración na praza do Ferro nunha manifestación con consignas contra o imperialismo.
Por último, en Ferrol, a concentración convocada na praza de Amada García baixo as mesmas premisas xuntou unhas 30 persoas.