Denuncian a situación laboral na piscina de Cee
A CIG procedía onte á entrega no rexistro do Concello de Cee, da documentación denunciando a situación laboral que se está a vivir na piscina municipal, instando o cese dos “incumprimentos por parte da empresa Aquacenit ou o rescate da concesión”.
A central sindical, que ostenta a representación legal do traballadores e traballadoras na piscina municipal, presentou un escrito a toda a corporación municipal solicitando do goberno e de todos os grupos que insten á empresa concesionaria da piscina a respectar as condicións pactadas co persoal e ao cumprimento da lexislación vixente en materia laboral, o convenio colectivo, EE.TT., LPRL. “Uns incumprimentos laborais que xa foron sancionados pola Inspección de Traballo a través de 4 expedientes sancionadores”, destaca o responsable local Xabier Santos.
Lembran que en febreiro de 2014, a empresa Axiña Servizos Deportivos mercaba Aquacenit, o que produce un cambio de xerencia e no plantel de persoal, afectando ás condicións laborais dos traballadores. Nese tempo, os traballadores decidían organizarse nun proceso de eleccións sindicais, pero segundo a CIG, “a empresa trata de vulnerar ese derteito tomando parte activa promovendo un candidato e amenazando con modificar as condicións de traballo, despidos e non renovacións aos que non votasen o candidato proposto pola empresa”, feitos que foron postos en coñecemento da inspección de traballo.
Apuntan tamén dende o sindicato, que a “empresa utilizou aos traballadores con contratos na piscina ceense para realizar traballos noutras concesións (Outes, Santa Comba, Malpica…) desatendendo ás instalacións ceenses”.
Así e todo, e a pesar dos expedientes anbertos pola Inspección, “a empresa non cesa na súa actitude e reitera os incumprimentos a través duns novos calendarios laborais -presentados o pasado venres- nos que modifica unilateralmente algúns contratos de traballo, impedindo que algúns dos/as traballadores/as poidan acudir o seu posto por incompatibilidade”, denuncian.
Ademais indican que “os novos calendarios non se axustan ao convenio colectivo”, que “non se garante o descanso semanal completo”, que “existe un exceso de xornada” nalgúns traballadores”, e que “non en todos os casos se respecta o descanso de 30 minutos”. Todas estas lacras, agravadas ademais, por seren inducidas a aquelas persoas que “non votaron a opción indicada pola empresa”
Nestas circunstancias, a CIG pide ao pleno da corporación municipal” proceder, ademais de a sancionar, ao “rescate” da concesión; é dicir, que “o Concello pode evitar que estes incumprimentos se perpetúen”.
Novas relacionadas
Fonte
- Nota de prensa de Xabier Santos Canosa, responsable da Unión Local da CIG-Cee.