Denuncian de novo o desmantelamento paulatino de servizos do HVdX


Despois de conseguir a ampliación o servizo de diálese a base de protestas públicas, a Comisión de Centro do Hopistal de Cee quere volver denunciar “a situación de abandono na que se atopa o Hospital Virxe da Xunqueira e amosar a nosa preocupación polo desmantelamento paulatino de servizos neste hospital por parte da Xerencia de Xestión Integrada (EOXI) da Coruña”.
Os sindicatos CCOO, CIG Saúde, CSIF, UGT, SAE, CESM e O’MEGA, entenden que “a merma da poboación é a excusa que sempre utilizan para diminuír a carteira de servizos que presta o hospital a toda a comarca. Que pasa, que os/as que quedamos e envellecemos non temos dereito á saúde?”, pregúntanse indignados.
Neste caso, segundo sinalan, a intención de desmantelar o hospital por parte da Xerencia fíxose patente este mes de xullo co “servizo de Preventiva, que dá cobertura á vacinación internacional e á consulta e seguemento de casos de tuberculose e meninxite, entre outras moitas funcións. A médica preventivista fará o seu traballo dende A Coruña e virá un só día á semana a Cee. Feitos que se poden repetir no laboratorio, xa que a hematóloga e a analista algúns días fan as súas funcións tamén dende a Coruña desde fai un tempo”, explican.
Popostas para mellorar os servizos
”Por que en vez de desmantelar este hospital non tratan de aumentar e mellorar os seus servizos?”, pregúntase a Comisión ao tempo que ofrece moitas propostas para mellorar a situación:
- Aumento do número de prazas e dos días de atención en diálise;
- Incorporación de celadores/as, que non existen neste hospital, sendo o único de Galiza que non conta con esta categoría profesional para atender as necesidades dos usuarios/as;
- Posta en marcha dunha consulta de cardioloxía;
- Aumento do laboratorio para asumir todas as análises dos centros de Atención Primaria sen necesidade de que teñan que ir á Coruña;
- Posta en marcha dunha UCI 24 horas, que permitiría poder realizar cirurxías de maior complexidade sen ter que desprazarse, realizar probas diagnósticas máis complexas, etc.
Centralización=precarización
”A idea de que a centralización dos servizos non diminúe a calidade asistencial é mentira”, denuncian con rotundidade. “Estamos nunha comarca que se atopa a 100 quilómetros do centro médico de referencia, e dispoñemos dun hospital comarcal que presta un servizo de calidade á poboación e que ten capacidade para ofrecer moitos máis servizos aos seus usuarios/as”.
Por todo isto, a Comisión de Centro quere facer un chamamento a toda a veciñanza da comarca “a defender o seu hospital, e con el o seu dereito a unha sanidade pública e de calidade, e a non conformarse con ser usuarios/as de segunda categoría como pretende esta Xerencia”. “Porque do contrario volveremos a tempos pasados nos que había que percorrer 100 quilómetros para ter unha atención sanitaria de urxencia ou hospitalaria” sentenzan.
Novas relacionadas
- Xuño 2017: Amplian o servizo de diálese do hospital Virxe da Xunqueira de Cee.
- Maio 2017: Os Socialistas piden no Parlamento a ampliación do servizo de Hemodiálese do Hospital de Cee
- Abril 2017: O PSdG reclama que o goberno galego garanta as necesidades básicas no hospital de Cee.
- Marzo 2017: O PSdeG respóndelle ao Sergas sobre as deficiencias do hospital Virxe da Xunqueira de Cee
- Marzo 2017: O PSdeG esixe que a Xunta tome medidas urxentes ante o desmantelamento do hospital de Cee
- Marzo 2017: A oposición pide explicacións sobre a concesión da cociña e a cafetería do HVdX
- Marzo 2017: Denuncian a nefasta xestión da cafetería e da cociña do Hospital Virxe da Xunqueira.
- Marzo 2017: PSOE, PP e BNG denuncian retrasos do alcalde para convocar o pleno que corrobore a xestión interesada da piscina municipal.
- Marzo 2017: O PSdG denuncia a paralización do desmantelamento encuberto do Hospital de Cee.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com)