Denuncian a mala atención do CIM de Cee, que conta só cunha profesional dende setembro

Os Centros de Información á Muller son un dos principais recursos na loita contra a violencia de xénero en funcionamento dende hai anos. A comarca conta con esta ferramenta para as vítimas en A Laracha, Carballo, Cee, Muros, Muxía, Santa Comba e Zas. Son centros titularidade e responsabilidade é municipal financiados con subvencións da Xunta de Galicia (outro recurso que recae nas costas dos Concellos), que, segundo o artigo 10 do Decreto 130 deben contar, como mínimo, cun/a dirección, psicóloga/o e asesor/ora xuridico, puidendo ser que o posto de dirección sexa acumulado co de psicóloga ou asesora xurídica, postos, en calquera caso, obligatorios.
O habitual, como acontece en Zas, e contar con 3 profesionais que atendan ás necesidades e poidan ofrecer información xurídica, atención psicolóxica, e información sobre os recursos existente. Todo cun asesoramento confidencial e gratuíto.Por todo isto, sorprende máis a situación do CIM de Cee. Situado na terceira planta da Casa do Concello, a día de hoxe só é posible acceder dous días á semana e nun horario moi restrinxido pola falta de persoal. A día de hoxe o Centro apenas conta cunha traballadora, provocando unha atención absolutamente insuficiente.
”Que necesitan para darse conta da importancia deste servicio? Un suicidio? Unha agresión?”, pregúntase unha usuaria que se puxo en contacto con esta redacción despois de sufrir a mala atención do centro, tras ver como a súa cita psicolóxica foi suspendida en outubro a pesar da emerxencia da súa atención, cunha denuncia por violencia de xénero recentemente presentada, e sen posibilidade a ser derivada a outros centros como Muxía ou Zas.
A problemática vén arrastrada dende setembro, cando a entregada psicóloga, e directora, tivo que coller unha baixa de longa duración. Dende entón, o Concello non foi quen de repoñer a praza, deixando sen asistencia psicolóxica gratuita ás mulleres vulnerables de toda a comarca. O Concello tiña en marcha un proceso de contratación en marcha, pero os procesos burocráticos están retrasando a recuperación do servizo. Resulta que cando a psicóloga anterior, pedía unha baixa de longa duración, o concello comezaba o concurso para facer esa praza fixa, pero unha vez finalizada, a gañadora rexeitaba a praza e a segunda está de baixa.
De novo, a burocracia impedindo ofrecer un servizo básico e urxente.
A usuaria denuncia ademais que “tras varias chamadas ao concello, recibindo malas respostas, chegáronme a dicir que non ía conseguir nada poñendo unha reclamación”, polo que decide facer pública esta carencia mentres dende o goberno municipal se louban constantemente da “atención e coidado á saúde mental” que está tendo o concello.