A eclosión da velutina deixa sen marxe aos servizos de eliminación de niños
Xa avisaban a comezos de verán que ía haber unha explosión de velutinas. A pesar da exitosa campaña de trampeo realizada durante a primavera, eliminando raíñas, levamos 15 días bastante graves en materia de invasión da avespa velutina. Notámola en praias, campos, e mesmo nas vilas, onde esta especie invasora faise cada vez máis visible. De feito, inciden en que a súa incidencia pode estar sendo algo maior que o ano pasado.
Así o recoñecen os voluntarios de Protección Civil de Cee, que levan extraídos 4-5 niños cada semana, sendo xa uns 70 os eliminados durante o verán. “Non damos feito, somos dous voluntarios e xa temos xa cola. A xente ten que entender que facémolo nos nosos ratos libres e que non damos feito”, recoñece Pedro Lema.
Por Ameixenda, por exemplo, teñen que esperar que se vaia baleirando a “lista de espera”, pero ademais teñen outro problema: o niño atopado o pasado venres (á dereita) está tan alto que o camión do Concello de Cee non chega. Queda pendente ver quen paga unha grúa para chegar aló enriba.
Tamén están indo a Corcubión os dous voluntarios ceenses, e xa levan 8 este verán, case o triple que o ano pasado. En todo caso, os voluntarios ceenses están formando a un membro de Protección Civil de Corcubión para que aprenda a eliminalos.
Charla chea
O interese na comarca é máximo, como o corrobora o cheo que rexistrou a aula da Casa da Cultura o pasado 8 de agosto para a charla de Lolo Andrade. Unha charla informativa para colocar trampas e demais técnicas de erradicación e defensa da abella local.
Novas relacionadas
- Xullo 19: A velutina dispárase.
- Abril 19: Trampas e charlas contra a velutina.
- Pedro: “Os Concellos estamos atados para loitar contra a avespa velutina”.