Estreado o novo porto de Brens cun mercante de 25.000 toneladas
Estreado queda o novo Peirao de Brens. Esta tarde de martes 7 de febreiro de 2011, arredor das 16:00h chegaba a Cee o primeiro buque de alta tonelaxe, dunhas 25.000 toneladas, 5 veces máis do permitido ata o de agora. Con, alomenos, 6 meses de retraso, o porto recibiu o seu primeiro inquilino.
Trátase dun mercante de bandeira de Hong Kong procedente de Australia, chamado Ideal Bulker, que trae 6.192 toneladas de manganeso para a fábrica de Ferroatlántica, inversora no proxecto ao tempo que principal beneficiaria. O resto continuará cara outra fábrica da empresa en Santander.
Cos seus 169 metros de eslora case enche os novos 310 metros de ampliación do dique, e chegaba, paseniño, remolcado por dúas embarcacións medianas que lle axudaban a manobrar.
Expectación
Cómpre destacar a expectación xerada entre a veciñanza. O porto de Corcubión estaba ateigado de veciños curiosos ante semexante visita, ao igual que a zona que une o porto de Brens coa EDAR.
Non cabe dúbida de que se trata dun momento histórico (haberá que valorar co tempo a incidencia económica real do investimento de máis de 15 millóns de euros) pero varios dos mariñeiros valoraban "A xente ten pouco que facer", ou "Que esto sexa unha noticia deixa ver que aquí temos poucas noticias"...
Con todo, falamos do meirande buque que chegou nunha á ría de Corcubión.
Novas relacionadas
- 13-12-11: A piques de rematar as obras do porto de Brens.
- 07-04-11: O porto de Brens estará listo en xullo para satisfacción de Ferroatlántica.
- 19-07-10: Portos coloca, por fin, o caixón Sabela, o último do porto de Brens.
- 25-04-08: Portos de Galicia pon 21 millóns de euros para o peirao de Brens .
Máis novas
Outras novas
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).