Sábado. 05.10.2024
El tiempo

A Fundación Fernando Blanco consegue 50.000€ da Xunta

Roman Rodriguez na Fundacion Fernando Blanco
O conselleiro de Cultura en funcións, Román Rodríguez, e a presidenta da Fundación Fernando Branco de Lema, Eva García Caamaño
A Fundación Fernando Blanco consegue 50.000€ da Xunta

A Fundación Fernando Branco de Lema conseguiu chegar a un acordo coa Xunta de Galicia para mellorar e manter as instalacións do Museo Fernando Branco, situado na localidade coruñesa de Cee.

A través de dous convenios, a Xunta achegará preto de 50.000 euros para colaborar cos gastos de xestión desta institución cultural e sufragará as obras de mantemento necesarias. En concreto, a actuación inclúe limpeza de cuberta, cambio de pezas rotas e selado de patio de luces, impermeabilización interior, limpeza de canlóns, vernizado exterior, fachadas interiores e paramentos interiores.

Tal e como destacou Román Rodríguez, "este museo pon en valor o pobo de Cee como herdeiro dun pasado educativo único no rural, cunha etapa de esplendor a finais do século XIX e primeira metade do século XX, coincidindo precisamente coa fundación do Instituto Fernando Branco".

A colección que alberga o Museo está formada no seu maior parte polo instrumental científico e o material didáctico das antigas cátedras, laboratorio e gabinetes do vello Instituto-Escola de Cee, de finais do século XIX, entre os que se atopan medidores de diversas magnitudes, aparellos de mecánica, acústica, óptica, etc. Cabe destacar tamén as coleccións de animais, minerais e fósiles.

Xunto a este material, a colección complétase co material didáctico doutras materias incorporadas ao centro ao longo da súa historia, coa documentación histórico-educativa e con fondos artísticos e pictóricos, entre os que se atopan as obras pictóricas de Federico Madrazo, gravados da Calcografía Nacional e unha colección de ourivaría relixiosa.

Roman Rodriguez na Fundacion Fernando Blanco 2

Comentarios