Gran resposta do público á mostra Á EsCeena
Arrancou de xeito espectacular a VII Semana do Teatro e as Artes Escénicas do Concello de Cee: A EsCEEna!. O aforo limitado motivado pola pandemia fixo que quedara público sen poder acceder ós dous primeiros espectáculos: Don Gaiferos de Monicreques de Kukas e Complexo de Edipo de Quico Cadaval.
Quico Cadaval en Cee-Foto: Rafa Quintáns
Dende o departamento de Cultura congratúlanse da gran resposta dos amantes do teatro que reservaron maioritariamente os seus bonos para garantirse unha butaca nos vindeiros días.
O programa continuaba onte xoves con Habeas Corpus de Malasombra na Praza da Constitución.
Malasombra na praza da Constitución. Fotos: Rafa Quintáns
Pero A EsCEEna! voltará ó Auditorio Baldomero Cores o venres 20 con “Cándido Pazó conta… Mocos”, de Contraproducións ás 21.30 horas (quedan algunhas entradas que se poden reservar na Casa de Cultura, 2º andar).
Xa o sábado 21 toca sesión cabaré co ceense Iván Villar e Nelson Quinteior, e o seu “Fala-me. Trad-cabaré lingüísitico. Bótame a língua a pacer!!!!”.
E pechará a mostra o Domingo 22, nada menos que “Mofa & Befa” con Dúas Pedras no Camiño. Os míticos Victor Mosqueira, Evaristo Calvo farán as delicias da veciñanza.
Unha fin de semana ceense que se completará cun fantástico programa tamén no Festilires.