Luns. 22.04.2019
El tiempo

Héctor Pose e Enrique Lista reflexionaron sobre o irregular desenvolvemento urbanístico de Malpica en Stoupa

Héctor Pose e Enrique Lista reflexionaron sobre o irregular desenvolvemento urbanístico de Malpica en Stoupa
Enrique Lista e Enrique Lista en Stoupa Enrique Lista e Enrique Lista en Stoupa

Boa xornada de reflexión a que acollía esta fin de semana a tenda turística Stoupa. O punto de encontro da cultura costeira colleu o sábado un ton máis crítico, coa presentación do libro de Héctor Pose e Enrique Lista “Un lugar. Dúas descricións inadecuadas”. Trátase dunha visión crítica do desenvolvemento urbanístico de Malpica, e foron moitos os amigos da galería ceense os que quixeron participar deste debate colectivo.

Os autores iniciaron o evento agradecendo a Stoupa a súa arriscada aposta pola construción dun espazo común que une a todos os creadores da comarca para promocionar a arte e a cultura da Costa da Morte.

Xa postos en materia, e como fixeran os membros da curta documental “Feísmos”, comezaron a reflexionar sobre o despoboamento, soidade, nula conciencia ambiental, malos tratos ao espazo público, asfalto, formigón, falta de árbores... De Malpica, neste caso, pero deixando claro que é porque lles toca de preto, pero que podería ser calquera vila da Costa. Todo isto produce o que Héctor Pose denomina “Soltaxia” que é a inquietude por ver como o teu contexto vaise desfacendo.

O libro conta cunhas crúas fotografías de Enrique Lista, que utilizan a frontalidade, a repetición e a pouca profundidade na imaxes para reforzar a idea de ambiente hostil. Mostrándonos o amontoamento das casas, rúas moi estreitas, sen saída, a pouca luz dos espazos... Os diferentes materiais das fachadas e das rúas móstrannos o paso do tempo e a decadencia.

O acto de presentación rematou cun interesante coloquio onde se reflexionou sobre o caótico urbanismo na nosa costa e tamén sobre o derrotismo da nosa sociedade fronte ao que debería ser o espírito da “crebeira”, que cos restos da catastrofe constrúe o futuro.

“Un lugar. Dúas descricións inadecuadas” e outros títulos de Hector Pose como “Arponera Café”, “Doce Lúas”, “Ausencias e Memoria” ou “Mar de Paixón”, atópanse á venda en Stoupa e son un agasallo moi recomendable para este nadal.

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/feismos-conclusions-a-ritmo-de-pasodobre/

Comentarios