Último empurrón á celebración dos 50 anos do IES Agra Raíces como ascensor social

Con motivo de celebrar os 50 anos de creación do instituto de bacharelato de Cee, o IES Agra de Raíces organiza diferentes actos nos vindeiros días abertos a todo o público, especialmente a aquelas persoas que de diferentes formas tiveron ou teñen unha relación co centro.
No propio centro xa se teñen celebrado conversas con antigos alumnos e alumnas, dentro da semana cultural celebrada a finais de abril. Tamén se colocou unha pancarta na fachada do centro facendo referencia a esta celebración, e nos próximos días a exalumna e deseñadora gráfica Laura Suárez comezará un mural na fachada de entrada ao instituto, co mesmo motivo.
Os actos previstos para o público foron acordados por unha comisión que inclúe a diferentes persoas representativas que formaron ou forman parte da comunidade educativa do IES Agra de Raíces, e ao concello.
- Edición dun libro colectivo, no que participan diferentes escritores e escritoras vinculadas co IES Agra de Raíces.
- Mesa redonda o venres día 30 de maio ás 10:30h na Casa de Cultura de Cee, onde participan diferentes exalumnos e exalumnas: “Un percorrido pola historia do ensino secundario e preuniversitario en Cee e na comarca”. Pepe Formoso será o moderador coa participación de Artur Trillo, director de teatro; Jorge Lariño, profesor e presidente do club de atletismo Olimpia, Sabela Ramos (por videoconferencia dende Amsterdam), traballadora de Google en Europa e Laura Suárez, deseñadora gráfica e escritor.
- Conferencia o sábado día 31 de maio ás 18:30h na Casa de Cultura de Cee : “Os anos decisivos: coñecemento e diversidade”. Intervirán: Francisco Caamaño (exalumno, exministro); Margarita Lamela, alcaldesa de Cee; Manuel Antelo, director do IES Agra de Raíces; Uxía Santos García (1º bacharelato), voz e Alba Trillo Pérez (4º ESO), piano; e As cantareiras: Uxía Domínguez Martínez (1º bacharelato), Antía Domínguez Martínez (3º ESO), Aldara Caamaño Figueiras (4º ESO), Nuria Riveiro Romero (4º ESO), Xulia Montero Fraga (2º ESO), Carla García Castro (3º ESO) e Ana Paz Canosa (2º ESO)
Con estes actos complétase o programa de actividades para celebrar os 50 anos do centro, que tivo e ten unha influencia moi importante en todas os ámbitos da sociedade da comarca, preparando a mozos e mozas para os estudos universitarios, a formación profesional ou o acceso ao mundo laboral. Mais, o papel importante dun centro de educación secundaria obrigatoria e posobrigatoria é tamén servir de ascensor social promovendo a igualdade de oportunidades nunha sociedade desigual como a nosa.
Máis novas