Martes. 01.12.2020
El tiempo

A importancia da pulseira de Teleasistencia

A Pulseira de Manuela de Teleasistencia da Deputación da Coruña
A Pulseira de Manuela de Teleasistencia da Deputación da Coruña
A importancia da pulseira de Teleasistencia

Manuela Ogando, natural de Vilaseco, vive co seu neto en Cee, na zona das Casas Baratas. Leva máis de 5 anos coa pulseira do servizo de teleasistencia que a Deputación coordina a través da empresa Eulen. Unha pulseira que permite que as persoas maiores poidan chamar ás autoridades sanitarias en caso de emerxencia con pulsar só un botón.

Manuela, con 83 anos, artrose, deterioro cognitivo, depresión, reuma… vive soa co seu neto, Daniel Quintáns, que leva anos coidándoa. Coas idas e vidas da vida, Manuela quitoulle a custodia aos pais de Daniel cando tiña só 3 anos, “e agora tócame coidala a min”, explica Daniel. Viven, “como podemos”, da pensión de Manuela, porque Daniel, (cun 41% de discapacidade por ter unha perna máis longa ca outra) non pode poñerse a traballar porque ten que coidar 24 horas dela (ten un grao de dependencia 3.

Apenas sae de casa, e déixaa soa para ir á compra, para facer surf (“os deportes extremos danme enerxía”), e xusto nese momento é cando o Servizo de Teleasistencia ten máis sentido. De feito, en xaneiro, cando caía e rompía o fémur, o servizo valeu unha vida.

Agora, dende hai uns meses, a empresa Eulen e a Deputación queren retirarlle o servizo, alegando un uso incorrecto do aparato. É certo que Daniel tivo que baixarlle o volume ao teléfono tras varios episodios familiares convulsos, pero considera que non é suficiente para eliminar un servizo tan necesario para a seguridade da súa avoa e para deixarlle un chisco de liberdade.

Daniel leva tempo loitando para manter este necesario servizo, e de feito, este luns, veu o técnico, en principio para retirarllo, pero finalmente non llo quitou.

Dende os Servizos Sociais de Cee, a Concelleira Emilia Trillo, contaba con que esta mañá a empresa lle retirara o aparato, e de feito, tiñan avisado á Policía Local por se había problemas. Explica que “fixeron todo o que puideron”, pero que “o servizo está dado de baixa dende a Deputación dende o mes de xullo, e como o aparato é de Eulen, poden retirarllo”. Apunta que xa conta coa máxima cantidade de horas, 70, do Servizo de Axuda no Fogar (conta coa máxima cantidade de horas, 70), e propuñan como solución pedir o servizo semellante que ofrece a Xunta a través de Cruz Vermella, pero que ten un custe. “Nós o queremos é mirar pola boa”, valora Trillo.

”Servizos Sociais teñen que buscar solucións”

Serxio Domínguez, voceiro do BNG, que está intentando mediar no conflito entre a familia e o Concello, considera que “máis aló de episodios puntuais que poida sufrir a familia e que lles impida facer un uso 100% correcto do servizo, os Servizos Sociais do Concello teñen que bucar solucións, e intentar axudalos para corrixir eses problemas familiares e poder facer o uso máis adecuado. O que non poden facer é retirarlles o servizo e deixalos en clara situación de indefensión”, valora, pedindo que polo menos “se lle axude a solicitar o servizo semellante que ofrece a Xunta a través da Cruz Vermella”.

comentarios