Interceptado en Cee con máis de 30 kg de ameixa e berberecho extraído de xeito irregular

Novo operativo contra o furtivismo levado a cabo polo Servizo de Gardacostas de Galicia o desenvolto onte. Os axentes decatáronse de que un mergullador estaba a extraer marisco nas proximidades do espigón do peirao de Cee e fixéronlle seguimento ata o momento no que ía abandonar o porto no seu vehículo coas capturas obtidas.
O operativo permitiu comprobar que o interceptado carecía do permiso necesario para exercer o marisqueo e que o facía con medios prohibidos -mediante mergullo coa axuda dunha botella de osíxeno- polo que estaba a infrinxir varios artigos da Lei de Pesca de Galicia. Ante esta situación, os axentes procederon a comisar o marisco que levaba no vehículo -25 quilos de ameixa e algo máis de sete quilos de berberecho- e a incautar os útiles empregados, entre os que se atopaban dúas aletas, unhas gafas, a botella de osíxeno e o chaleco do equipamento de mergullo así como un saco de rede, un par de guantes e un cinto con chumbos.
O marisco comisado foi levado á lonxa de Corcubión para a súa pesada e posteriormente entregado ao persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia para a súa sementeira na mesma zona da que fora extraído.
Máis novas sobre furtivismo
- Xuño 2021: Multan dous pesqueiros en Lira por realizar o trasbordo dunha tonelada de sardiña e intentar fuxir da inspección.
- Maio 2021: Incautados máis de 200 kilos de bivalvos en Muros.
- Abril 2021: 21 kilos de percebe incautados en Corcubión.
- Marzo 2021: Incautados 33 kilogramos de nécoras, 10 kilogramos de santiaguiños e dous lubrigantes procedentes de Camariñas.
- Outubro 2020: Os percebeiros de Muxía cazan un furtivo en plena faena,
- Xuño 2020: Incautan 1000 kg de sardiña descagarda cunha planeadora sen alumeado no peirao de Cee.