O Museo Fernando Blanco pecha as portas durante un mes polas obras de mantemento e conservación
Arrincaron as obras de mantemento e conservación do Museo Fernando Blanco de Cee. Unhas actuacións que serán abordadas grazas ao convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia e a Fundación Fernando Blanco de Lema, o cal regula unha subvención de 37.152,55 € coa que se afrontarán os gastos das actuacións propiamente ditas así como tamén a memoria e proxecto do técnico e os custes das taxas e a licenza de obras do Concello de Cee.
As melloras a realizar consistirán no lavado e limpeza da cuberta e fachadas, substitución de pezas rotas e selado da claraboia central, limpeza de caleiros e selado de xuntas, vernizado da carpintería exterior de ventás e portas, así como o pintado da totalidade dos paramentos exteriores e interiores do museo.
Ditas actuacións serán realizadas pola empresa Javier Fidalgo S.L.
As obras terán unha duración aproximada de algo mais dun mes, período durante o cal o museo permanecerá pechado ao público. Si todo se desenvolve segundo o previsto, as portas do Museo volverán a abrirse aos visitantes a finais do mes de xuño.
Durante este período a Fundación aproveitará para desmontar a totalidade das vitrinas expositoras co fin de facilitar as tarefas a abordar no interior das instalacións e, ao mesmo tempo, realizar traballos de limpeza e control do estado de conservación do material exposto.