Nova concentración en Cee por unha Tarifa Eléctrica Galega


Xa se manifestaron o pasado decembro, pero a loita Por unha Tarifa Eléctrica Galega non quedou aí. A CIG está a promover novas mobilizacións en toda Galicia que nos permita ter un prezo da enerxía máis baixo tanto para defender a nosa cativa industria e favorecer os sectores produtivos básicos, como para o consumo doméstico.
Así, a cita darase este venres 16 de xaneiro, en Coruña, Arteixo, Cee, Xove, A Laracha e Narón, onde existen fábricas con grandes consumos enerxéticos. En Cee, a concentración será ás 19:30 horas, diante da Casa do Concello.
Moitas razóns
Lembra a CIG que a industria de base atópase afectada polo novo sistema de adxudicación da interrumpibilidade, tal e como quedou patente co conato de ERE presentado pola multinacional do aluminio Alcoa para a fábrica da Coruña.
Para a CIG “sería un despropósito que algunha industria radicada en Galiza –como o caso de Ferroatlántica- pechase ou se vise afectada negativamente polos altos prezos da electricidade, cando somos un país que exporta enerxía, sen recibir a cambio ningún tipo de beneficio”.
Por iso a central sindical pretende abrir un debate político e social arredor da necesidade e urxencias de mudar todo o sistema eléctrico e tarifario para acadarmos unha Tarifa Eléctrica galega que nos permita ter unha enerxía máis barata. “Porque non cómpre esquecer que a tarifa eléctrica está chea de peaxes por decisións políticas e soporta compoñentes de solidariedade interterritorial (como os custes de extrapeninsularidade ou de transporte), mais intencionadamente non recolle os custes que, no caso de Galiza, sufrimos polo exceso de xeración eléctrica, custes sociais e ambientais”, sinalan.
Unha Galicia produtora
E dan datos: “Galicia é produtora e exportadora de enerxía (no ano 2012 Galicia exportou o 40% da enerxía que produciu), pero non obtemos ningunha contraprestación positiva. Unha situación que cómpre mudar de xeito inmediato”.
Novas relacionadas
- Denuncian a situación laboral na piscina de Cee.
- 19-012-14: Por unha Tarifa Eléctrica Galega.
- A CIG exise una tarifa eléctica galega que manteña o tecido industrial e o emprego:.
Fonte
- Xabier Santos Canosa, Responsábel da U.L. da CIG de Cee.
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).