O BNG de Cee leva a pleno unha moción sobre o plan de mellora dos camiños rurais
08:07 29/06/17
O BNG critia que a dotación do plan se reduce nun 60% con respecto ao ano anterior
O BNG de Cee levará ao próximo pleno unha moción sobre o "Plan marco de mellora dos camiños rurais” para o período 2017-2018 que acaba de aprobar a Consellería do Medio Rural cunha dotación de 15.998.673 euros para dito período de dous anos, a distribuír entre os concellos galegos.
Os nacionalistas ceenses critican que o mesmo plan contaba para o 2016 cunha dotación para un ano de 19.998.100 de euros; polo que tal e como sinalan, redúcense os fondos dispoñíbeis en máis dun 60%. "A consellaría do Medio Rural recorta a asignación indicativa de 13 euros por habitante de 2016, ao pasar agora a 10 euros por habitante para o período bianual, isto é, 5 euros por habitante e ano" indican dende o BNG.
"Esta redución deixa ás claras que o medio rural, os investimentos para a súa mellora e desenvolvemento non son a prioridade do Goberno do Partido Popular en Galiza, pois relega investimentos destinados a actuacións que inciden directamente na mellora dos equipamentos e infraestruturas no medio rural, que potencian directamente a base produtiva do agro galego. Dese xeito, con esta política de diminución dos fondos achegados aos concellos para a investimentos no rural, o PP rexeita manter o necesario esforzo na dotación de fondos públicos para dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que viven no medio rural no noso país e que ademais contribúen a corrixir os desequilibrios territoriais e a fixar poboación no rural" inciden os nacionalistas.
Así, dende o BNG piden que o pleno do concello de Cee inste ao goberno galego a incrementar a dotación do Plan marco de camiños rurais cos concellos e a dotar dito Plan dun orzamento plurianual, que asegure investimentos de xeito sostido e progresivo en colaboración cos concellos.
Novas relacionadas
- O BNG de Cee solicita medidas urxentes no saneado dos areais con augas de calidade insuficiente
- O BNG de Cee organiza varias charlas sobre o Catastrazo
- O BNG de Cee pide a mellora e o impulso do mercado municipal
- O BNG de Cee pide que se abra ao público o castelo de Ameixenda
- O BNG esixe o remate da Autovía Costa da Morte ata Cee
- Redacción QPC ([email protected])
- BNG de Cee