![marquesina-tedin]()
Os membros do BNG esixen tamén a reparación da marquesiña situada na estrada que vai cara Ruibo
Recén estreado o curso escolar, o BNG de Cee vén de presentar unha moción sobre a
colocación dunha marquesiña no lugar de Tedín. Segundo explica Serxio Domínguez - o portavoz nacionalista en Cee - "os nenos e nenas que esperan o autobús en Tedín para acudir ao colexio fano á intemperie, sen un lugar onde resgardarse da chovia e do frío". A marquesiña existente na estrada que vai cara Ruibo xa non é útil a día de hoxe debido ao cambio de traxecto e que sitúa a parada actual na estrada de Lires-Toba.
"É preciso pois a colocación dunha nova, nun novo lugar o mais axeitado posíbel, e que dea un servizo óptimo e oportuno ao alumnado do lugar, sinalan dende o BNG de Cee. Ademais indican que a marquesiña existente na estrada de Ruibo "supón un perigo" debido á oxidación das bases introducidas no formigón. "Pola situación da aldea, onde o percorrido pode ser cambiado dependendo das necesidades, si hai alumnado suficiente ou non, o lugar de Tedín debería dispor das dúas marquesiñas, da antiga que debería ser reparada e volta a colocar, e da nova no lugar adecuado", indican dende o BNG de Cee.
Ésta non é a primeira vez que se trata este tema nun pleno. Así, en xaneiro de 2015 os membros do BNG presentaran un escrito solicitando o arranxo da situación e en agosto de 2016 volveron a facer a petición no pleno.
![A vella marquesina de Tedin oxidase]()
A vella marquesiña de Tedín oxídase sen remedio
![Lugar onde o BNG propon situar a nova marquesina de Tedin]()
Lugar onde o BNG propon situar a nova marquesina de Tedin
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- BNG de Cee