O cruceiro que atracará en Cee pero non parará na Costa da Morte



Segue sendo o cruceiro da discordia un tema recurrente na bisbarra. De feito, hoxe a Xunta colócase unha medalla por conseguir achegar o primeiro buque de pasaxeiros ao porto de Brens. Efectivamente, o cruceiro Le Boreal atracará o vindeiro 7 de maio no porto ceense, pero non fará parada na Costa da Morte, pois os seus 200 pasaxeiros, segundo baixen do barco, subirán a un autobús para ir directamente a santiago de Compostela. De feito, as maioristas nin sequera mencionan a parada en Cee, se ben a Compañía dun Ponant si anuncia a rápida parada, deixando claro que “The tour will depart from Cee directly to Santiago”.
Así que os argumentos do Concello ceense, así como os da Xunta de Galicia, de achegar riqueza á zona quedan algo tocados. I é que falan de gastronomía pero non probarán un só longueirón fisterrán. E dende logo non criticamos a chegada desta clase de cruceiros, que poden ser unha nova liña de negocio do peirao ceense. Pero tampouco consideramos convinte celebrar como unha gran vitoria o paso, rozando, dun buque de 200 pasaxeiros, que apenas poderá disfrutar da nosa bisbarra durante a horiña que dure a súa entrada pola fermosa ría de Corcubión.
E se de beneficios económicos estamos falando, poderían aportar cifras das taxas que ten que abonar o Cruceiro por usar o porto ceense, pero eses datos non o aporta a administración.
Presentación por todo o alto

Por todo isto sorprende que a Xunta vén de realizar unha presentación pública con todo o bombo posible. Alí estiveron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén Do Campo, alcaldesa de Cee, Zaira Rodríguez, e mesmo o director da Zona Noroeste de Ferroatlántica, Carlos Oliete, e o xerente da consignataria Rubine e Hijos, Luis del Moral.
Mellora dos datos hosteleiros
Sorprendeu a directora xeral de Turismo con “datos rexistrados polos establecementos hoteleiros da zona nos dous primeiros meses deste ano. Entre xaneiro e febreiro, máis de 4.451 viaxeiros aloxáronse nos establecementos hoteleiros da Costa da Morte, un 8,6 % máis que no mesmo período do ano pasado”. De igual modo, destaca que “o turismo rural rexistrou un incremento na cifra de viaxeiros no que vai de ano do 28,25 % a respecto dos dous primeiros meses do ano pasado. As pernoitas en establecementos hoteleiros medraron un 67,5 % e as pernoitas en turismo rural un 38,6%”.
Tamén “a estadía media medrou por riba do 54 % en hoteleiro e por riba do 8,1 % en rural. As pernoitacións de turistas internacionais na Costa da Morte dobraron os niveis en relación ao ano pasado neste mesmo período”, segundo matizou a directora de Turismo de Galicia.
Meeting fam trip
E se estes días disfrutamos da chegada dos Amigos da Cociña galega, proximamente organizaranse na zona dous “meeting fam trip” relacionados cos deportes náuticos e co turismo activo. Un deles celebrarase entre os días 23 de abril e 2 de maio e contará con 11 participantes entre os que se atoparán corredores top, persoal de marketing da compañía Boards and More e cámaras especialistas en gravacións deste tipo.
Entre os días 18 e 21 de maio organizarase un segundo fam trip con 15 participantes relacionados con revistas especializadas, importadores de marcas, dealers, riders nacionales e persoas relacionadas con este sector en webs.
Novas relacionadas
- Denuncian a falta de cumplimento do pacto laboral de Portos cos traballadores de Brens.
- O cruceiro da discordia que chegará a Cee.
- Que foi do Plan de Usos do porto de Brens?.
- As Razóns da ANC para voar.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).