O Día da Muller protagoniza numerosas actividades para este 8 de Marzo
Xa dimos conta das actividades da Asociación Feminista Buserana para este 8 de marzo. Unha concentración e un Faladoiro serán as principais citas para celebrar o Día da Muller coa única entidade feminista da bisbarra. Pero son moitas máis as entidades que propoñen actividades relacionadas coa data.
Obradoiro de Co-educación para nenos en Corcubión
A Concellería de Muller e Igualdade do Concello de Corcubión, no marco do II Plan de Igualdade, celebrará o vindeiro 8 de marzo, Día da Muller, na Casa da Cultura, entre as 11:00 e 13:00h, un obradoiro de coeducación e corresponsabilidade para nenos e nenas de 5 a 8 anos.Con esta actuación preténdese fomentar a adquisición de valores de igualdade, que diminúan os prexuízos e estereotipos de xénero dende idades temperás, a través da participación activa dos menores nas actividades propostas de lectura, debuxo e xogos.
Concentración en Cee
O concello de Cee en colaboración co Centro de Información á Muller organizan unha concentración ás 12:00h diante do Concello, coincidindo coa da Buserana.
Os membros do CIM lerán tamén o seu manifesto de apoio a todas as mulleres que loitan pola Igualdade e anunciará a convocatoria do 7º Certame de poesía "Mulleres do Noso Tempo 2014", que este ano se retrasa un mes.
Zumba para a muller en Muros
O Centro de Información á Muller do Concello de Muros informa dos actos que terán lugar os vindeiros 7 e 8 de marzo con motivo da celebración do Día Internacional da Muller.
- Venres 7 de marzo ás 12:30 h no salón de plenos do concello haberá unha homenaxe á muller máis lonxeva deste concello Dª Delfina Piñeiro Caamaño.
- Sábado 8 de marzo 18:30 h no porto de Muros, detrás da antiga fábrica de xeo, Máster Class de ZUMBA FITNESS impartida polos nosos fantásticos monitores Selo e Lola e desde Santiago como artista invitada, Ana.
Todas as persoas participantes recibirán un agasallo.
Doble acción en Malpica
Non son as únicas actividades relacionadas coa data, pois por Malpica tamén se unen á celebración cun programa de actividades inclúe charlas para os nenos sobre responsabilidade. Dúas accións, unha para o eido doméstico, e outra marchando ata África. Por unha banda, trátase de poñer en valor o importante labor que desenvolven as amas de casa, e nese sentido está previsto un ciclo de charlas dirixido aos máis cativos para que se conciencien sobre a responsabilidade compartida no fogar. O cartel conmemorativo (achegamos imaxe) é obra dos nenos do CRA Nosa Señora do Faro. O xurado elixiuno entre todos os presentados porque “reflicte moi ben o que pensan os pequenos sobre o traballo e a importancia da muller no fogar”, subliñou a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín. Ademais, estará aberta durante todo o mes a exposición “A muller, futuro dun continente”, organizada pola oenegué Axuda en Acción para chamar a atención sobre a situación na que vive a muller en África e sobre o papel fundamental que xoga para a supervivencia da familia. De feito, as mulleres constitúen o 70 % da poboación africana que vive na pobreza, pero son elas as que producen o 85 % dos alimentos do continente. A interesante mostra pode visitarse todos os días no Centro Cívico de Malpica.Novas relacionadas
- Un novo 8 de marzo polos dereitos da Muller na Costa da Morte.
- A Galería Mulleres celebra os seus 4 anos recuperando a historia nome a nome con Concha Blanco.
- 26-11-13: A Costa da Morte berrou “Nen unha máis”.
- 8 de marzo de 2013: A Costa da Morte demostrou que o feminismo non está en crise.
- 25N de 2012: A Costa da Morte celebra un 25N en contra do cómplice silencio.
- 25N de 2012: 25N sen silencio: Curtas que non calan.
- 25N de 2011: As curtas da mocidade da Costa da Morte contra a violencia de xénero.
- A mocidade muxián lanza os seus vídeos pola Igualdade.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).