Martes. 23.04.2024
El tiempo

A Costa da Morte berrou "Nen unha máis"

A Costa da Morte berrou "Nen unha máis"
25N ca Buserana en Cee

Non queda calada a Costa da Morte ante unha lacra tan grande como a violencia de xénero. Cada 25 de novembro son moitas as actividades que se realizan nos diferentes concellos da bisbarra para visibilizar un problema que cada día se afronta máis directamente.

E o acto central sempre ten un denominador común, a Asociación Feminista Buserana. A súa convocatoria sempre é ben acollida por ducias de veciños e onte foron máis dun centenar os que se achegaron á Praza 8 de marzo a berrar o lema da campaña deste curso: "Nen unha máis". Unha clara alusión á que debe ser a sociedade a que non permita que sigan acontecendo estas atrocidades.

A praza estaba tomada por unha exposición de Bernardino Martínez Castiñeira. Procederon á lectura a presidenta das Buseranas Cristina Ledo, xunto a Chicha Martínez e Xaime Trillo, en clave de poesía. Leron un pequeno comunicado e pasou a ler o nome das mulleresa asasinadas no que levamos de 2013. Nomes que pesaron como cadaleitos en cada visitante.

Comunicado da Buserana: "Nen unha máis"

Hoxe, 25 de Novembro, queremos lembrar aquí as mulleres asasinadas neste ano, a todas as que sofren o maltrato e non son quen de saír del, e tamén a todas as que tiveron as forzas e mais os apoios precisos para acadar ter unha nova vida lonxe da violencia. Non esquezamos que case medio millón de mulleres, de todas as idades e condicións, e só no estado español, son víctimas dos golpes e dos insultos, do control e do medo. Queremos lembralas e traballar para que non haxa NEN UNHA MÁIS.
Tampouco queremos deixar de forzar unha ollada a esas realidades que normalmente evitamos, por dorosas, mais que seguen a estar aí: falamos da violencia, sobre todo sexual, na infancia, e falamos da compra-venta de mulleres e nenas para seren utilizadas como escravas sexuais, para seren prostituídas e consumidas por homes sen escrúpulos. NEN UNHA MÁIS.
Hoxe, 25 de novembro, queremos lembrar o feito de que tamén depende de nós: de cómo a sociedade, todas e cada unha e cada un de nós, reaccionemos ante a violencia, dependerá a súa perpetuación, ou non. NEN UNHA MÁIS.
NEN UNHA MÁIS. Porque a violencia contra as mulleres a exercen os maltratadores, mais tamén a sociedade cando cala, cando mira para outro lado, cando se incomoda ata por mentala, cando cuestiona que exista ou a veracidade das denuncias, cando presiona para manter os machismos que a sustentan e dubida do sufrimento das maltratadas. E a sociedade non é un algo abstracto, senón que somos nós, como familia, como veciñanza, como compañeiras no traballo, nas clases ou no ocio, como xefas ou como amizades...
Exercemos, como sociedade, violencia, ao presionar as nenas, mozas e mulleres para que se vistan e se cambien para gustar; exercemos violencia asignando roles a nenas e nenos, mozos e mozos, e cuestionando a quen os traspasa e non se amolda; cando non intervimos ante situacións de acoso, tamén no xogo infantil; cando rimos un chiste machista que denigra as mulleres e as nosas capacidades, cando facemos que non nos decatamos do mal-trato entre unha parella amiga, ou non oímos os insultos, berros ou golpes na casa do lado.
Exercemos violencia cando aplaudimos a violencia televisiva, cando negamos a importancia dos servizos que dan apoio ás mulleres en situación de risco, cando tratamos mal ás demais porque as cremos diferentes, ou cando excluímos o feminino até da fala. NEN UNHA MÁIS.
Reprobar calquer sinal de control sobre unha moza ou muller, por como viste, con quen fala ou a onde vai; animar a establecer relacións en igualdade e romper as que a impeden; rexeitar sen dubidalo as humillacións, insultos ou golpes; apoiar as compañeiras que sofren o acoso sexual no traballo ou en calquera ámbito... son só exemplos de como cadaquén podemos ter algún grao de complicidade coa violencia, ou non. NEN UNHA MÁIS.
NEN UNHA MÁIS. Violencia exercen as administracións cando, coa crise como escudo, e lonxe de ter acadada a igualdade, deixan as políticas de igualdade nun último plano, e recortan en servizos que, literalmente, salvan vidas. Violencia exerce o estado cando, nun alarde de machismo que nos infantiliza, pretende decidir por nós, sobre os nosos corpos, e se atribúe a capacidade, intransferíbel como é, de decidir sobre a nosa vontade de ser nais ou non. NEN UNHA MÁIS.
Dende Buserana voltamos recalcar a gravidade deste retroceso inaceptábel.
No que vai de ano, moitas mulleres foron asasinadas. Algunhas crianzas tamén. E moitas outras viven co medo a selo. A feminización da pobreza, tamén aquí, na nosa terra, vai en aumento. A maioría das coidadoras de menores e maiores dependentes, mulleres, sobrecargan a súa xornada ou hipotecan a súa vida, laboral e persoal, ao reducírense drasticamente as axudas. Medra a inmigración na bisbarra, porque hai que escapar da fame no país; fame que tamén leva a unha preocupante diminución das separacións e divorcios, non porque non haxa conflictos insuperables na parella, non, senon porque a muller non pode ter a independencia económica necesaria para dar ese paso. Mulleres dependentes. Mulleres vulnerábeis. NEN UNHA MÁIS.
Lonxe, pois, de avanzar, estamos en tempos de retroceso; é grave e urxe combatilo. Convivimos cos micromachismos como se fose algo inevitábel, ou peor aínda, algo normal. Porque a desigualdade que sustenta a violencia machista que mata, ten a súa orixe neste sistema patriarcal no que uns, os homes, son considerados superiores ás mulleres, e teñen dereitos priorizados, onde as relación son de dominio e están xerarquizadas, onde hai que competir, rivalizar, resolver os problemas de xeito violento… NEN UNHA MÁIS.
NEN UNHA MÁIS. Nós queremos construír un mundo máis xusto, onde as mulleres poidamos ser persoas de pleno dereito, onde as relación sexan de igualdade, de coidado, respecto, de diálogo e negociación, axudándonos a ser quen somos cada quen coas súas diferenzas. Queremos un mundo no que nacer muller non supoña unha grande probabilidade de sufrir violencia, de sufrir desigualdade, de sufrir pobreza, de sufrir toda a vida.
Hai moito por facer. En positivo. Porque o silencio perpetúa a violencia.
Esta tarefa de cambio comeza con cada unha de nós, con cada un de nós. En decatármonos desas pequeñas violencias diarias e en non consentilas, nin para nós nen para as demais persoas. En crear relacións en igualdade onde todas as palabras son válidas, sen violencias, sen malos tratos. NEN UNHA MÁIS.
As mulleres que estamos en Buserana cremos que ese é o camiño para cambiar a sociedade na busca dun mundo mellor. Hai moito camiño por andar.
Non nos rendimos. Non vos rindades. Poñamos fin ao silencio cómplice da violencia de xénero. Cada día. Todas. Para que sexa realidade o noso lema: NEN UNHA MÁIS.

Cee entregou os premios do V Concurso de Carteis

O Concello de Cee polo 25N Cartel gañador do Certame de Carteis contra a Violencia de Xénero de Cee

E pola mañá, o Concello de Cee saía á rúa para ler o seu manifesto. Foi a concelleira Mabel Fernández a que deu lectura antes moitos dos traballadores municipais, e a que entregou os premios do V Concurso de Carteis contra a Violencia de Xénero que artellou concello e CIM.

O primeiro premio é para Francisco J. Irigaray López, polo seu "Mañá pode ser demasiado... tarde". Un premio que o bo de Francisco vai doar á Fundación Vicente Ferrer.
O segundo premio levouno Alfonso González Arenas, co seu "Non estamos soas".

Un bo xeito este de facer entender a problemática real a través da creatividade.

Cartel que levou o segundo premio no Certame de Carteis contra a Violencia de Xénero de Cee

Declaración do Concello de Cee polo 25N

Neste día 25 de novembro, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO, a CORPORACIÓN e todas as persoas que traballan neste Concello, queremos manifestar a nosa máis absoluta condena ante as situación de violencia que, aínda que pareza inconcebible, seguen produciéndose, ao tempo que expresamos a nosa máis sincera solidariedade para coas vítimas e os seus familiares.
Nesta data recordamos as vítimas, damos datos, constatamos que aínda queda moito por facer. As mulleres seguen morrendo ano tras ano por esta violencia machista, seguen sufrindo na súa vida e na dos seus fillos e fillas agresións físicas, psicolóxicas, económicas, sociais,….. seguen vivindo, demasiadas veces en silencio, un inferno do que é moi difícil escapar.
A violencia machista é a manifestación máis terríbel da desigualdade entre homes e mulleres que persiste na nosa sociedade.
Consideramos que a violencia que se exerce contra as mulleres segue a ser un problema global, que ten as súas raíces na estrutura dos sistemas sociais, nos costumes, nas pautas e valores culturais que asignan ás mulleres unha posición inferior e subordinada na familia, no Malia os esforzos realizados nos últimos anos e o desenvolvemento lexislativo, estamos a ver como a situación de desemprego está empobrecendo de xeito especial ás mulleres e afectando gravemente á súa vulnerabilidade ante a violencia machista. A dependencia económica é o maior dos obstáculos para que as vítimas de violencia de xénero rachen coa relación que pon.
Os poderes públicos non podemos estar á marxe desta problemática, non podemos pechar os ollos e limitarnos a lembrar hoxe as vítimas. Temos que ir máis alá e tomar conciencia de que, en pleno século XXI, a violencia de xénero segue a ser, por desgraza, un dos retos máis difíciles e importantes aos que se enfronta a nosa sociedade.
E todas e todos nós estamos implicados. Todas e todos nós temos a obriga de amosar a nosa repulsa, denunciala e mobilizarnos.
Constitúe un dos obxectivos desta Corporación Municipal, reflexionar e afondar na importancia da loita contra a violencia de xénero. Para isto foméntanse medidas de prevención, sensibilización, tratamento integral e protección das persoas vítimas da violencia de xénero, así como da súa inserción laboral unha vez detectada a situación que as precise.

Por todo o anterior, todos os membros desta corporación manifestamos a nosa contundente repulsa a estes actos violentos e a nosa máis firme condena aos que os acometen, e suscribimos este Manifesto contra a Violencia de Xénero porque queremos neste día, render unha pequeña homenaxe a todas as vítimas de violencia machista, a todas as persoas que loitan por devolver a dignidade aos afectados e afectadas, aos que sofren as consecuencias da violencia, e a todas as persoas mulleres e homes, que traballan para crear conciencia contra as actitudes dominantes e represivas dos agresores e fan recuperar ás vítimas a liberdade que se lles nega.
Queremos deixar constancia do noso compromiso persoal nesta loita contra calquera acto que atente contra a integridade e dignidade das persoas, e defender una sociedade xusta e paritaria na que as mulleres e homes poidamos participar equilibradamente en todos os ámbitos e tomar conxuntamente as decisión que nos afecten.
Vivir sen violencia é un dereito.

  • Declaración institucional do Concello de Cee.

Domingo en Igualdade en Ponteceso

Xa vimos o éxito do Domingo en Igualdade de Ponteceso. Numerosos mozos do Concello achegábanse ao Edificio das Escolas para presentar os realizados nos dous últimos anos en materia de fomento da igualdade, como aqueles spots do proxecto Rec.Apacita. A sesión, na que a mocidade foi a protagonista, serviu tamén para coñecer o filme “Documenta” e mais a Maruxa mariñeira, un libro editado pola Deputación na que se narra a vocación mariñeira dunha nena da Costa da Morte. A tarde rematou cunha sesión de títeres en Igualdade.

Unha Mostra aberta en Carballo

Mulleres de Vida Alegre en Carballo

O Pazo da Cultura de Carballo acolle estes días mostra “Mulleres de vida alegre?” que permanecerá até o venres 29 de novembro. Cedida por Médicos do Mundo e composta por instantáneas de Salvador Campillo, transmítenos, a través do testemuño de catro mulleres, as causas e as consecuencias da explotación sexual.

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios