Martes. 12.11.2019
El tiempo

O persoal de Ferroatlántica ameaza cos tribunais e a folga

O persoal de Ferroatlántica ameaza cos tribunais e a folga
Os traballadores e  traballadoras de Ferroatlántica nas fábricas de Cee e Dumbría e as Centrais Hidroeléctricas continuaron este mércores coas mobilizacións para amosar o seu total rexeitamento ao acordo marco que a empresa pretende levar adiante, coa complicidade das centrais sindicais estatais, e que suporía vincular os convenios colectivos vixentes nos diferentes centros de traballo. De feito, onte os sindicatos estatais (FI-USO, UGT-FICA, CC.OO Industria y Sindicato Unitario) asinaban un preacordo laboral coa dirección de Ferroglobe, a pesar do rexeitamento dos traballadores da fábrica costeira. Concentración frente a factoría de Cee Dende o Comité reiteran que non admiten nin acreditan na fórmula escollida pola empresa, pois consideran que "constitúe unha usurpación da lexitimidade de negociación dos distintos comités e delegados/as de persoal electos/as". Lembran que os traballadores e as traballadoras de Ferroatlántica na comarca xa dispoñen dun convenio colectivo propio, que actualmente está en trámite de renovación, e que "é o único convenio de aplicación no centro, conforme o estabelecido no ET". Neste senso, denuncian tamen que a dirección da empresa está a ningunear a representación legal do persoal, xa que continúa sen querer sentar a negociar o novo convenio colectivo, á espera, supoñen, de que se asine en Madrid o mencionado acordo marco. O persoal rexeita amplamente o acordo A este respecto, cómpre lembrar que onte mesmo a dirección de Ferroatlántica, nun intento de confundir e vender as supostas bondades dese acordo, mantivo reunións co persoal dos diferentes departamentos. En todas as xuntanzas, os traballadores/as amosaron amplamente o seu rexeitamento e desacordo tanto á imposición dun acordo marco como á fórmula utilizada polo grupo empresarial. En canto aos anuncios sobre o preacordo acadado entre Ferroglobe e os sindicatos estatais, o Comité entende que se trata de pura propaganda na que se está a utilizar a cuestión económica como un gancho de cara ao persoal, mais a realidade é que calquera incremento salarial estará supeditado a que se asuman as propostas da empresa en materias tan sensíbeis como xornada, calendarios laborais, IT, 'absentismo', etc. Iso sen ter en conta que a oferta de incrementos salariais da que se fala é, din dende o comite, "ridícula" en comparación coas demandas que contempla a plataforma representada polo comité de Cee-Dumbría-CCHH para o novo convenio colectivo. O comité esixe da dirección que sente negociar dunha vez a actualización do convenio colectivo vixente nas fábricas e centrais da Costa da Morte ou, do contrario, iniciaranse as accións legais oportunas, sen descartar a convocatoria de folga, tal e como xa foi autorizado pola asemblea de traballadores/as.

Comentarios