O Pleno de Cee defende a venda directa nas prazas


Falabamos o outro día da nova normativa que rixe a venda directa nos Mercados galegos. Un problema de máis burocracia que atinxe e moito a nosa bisbarra, onde ducias de señoras e señores baixan ás prazas de abastos a vender, directamente, os seus produtos da horta, por certo, os produtos de mellor calidade que se poidan atopar no mercado.
O Pleno de Cee acaba de aprobar unha moción peresentada polo BNG, co apoio dos edís non adscrito Santos e Plácido (Dani Oca non estaba), do BNG e do PSdG, e coas abstencións de IxCee e do PP.
O Decreto polo que se regula a venda directa dos produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final. Este decreto entende por venda directa a que se realiza na casa, en mercados e feiras e en tendas minoristas, que vendan directamente ao consumo final, agás os ovos, e estabelece unha serie de requisitos para poderen realizar esa venda.
Desde o BNG consideran necesario que “se prestixien os nosos produtos primarios como de calidade e que cumpren coas garantías de salubridade”. Igualmente consideran que “se debe facilitar desde os poderes públicos a súa comercialización en circuítos curtos e de proximidade para garantirlles o máximo beneficio aos e ás produtoras e que a actividade agrícola, a súa transformación e comercialización sexa un elemento de produción de alimentos, de creación de emprego e de dinamización económica”.
Por todo isto, suscriben esta moción na que piden modificacións no Decreto, pois “non garante a produción nin fomenta a dedicación de persoas a este tipo de actividade.
Piden “desenvolver iniciativas que incidan no apoio á comercialización de proximidade (feiras, mercados periódicos de alimentos producidos no contorno tanto en cidades como vilas, degustacións, etc), ás de venda na propia explotación ou on line”.
Piden “abrir un diálogo constante co sector coa participación de sindicatos, organizacións agrarias, asociacións de produtores/as, produción ecolóxica, para impulsar medidas que partan do consenso e que realmente dinamicen un sector vital para a economía galega”.
Piden “garantir as mellores condicións de traballo para as persoas produtoras".
Piden “introducir alimentos producidos nas explotación galegas nos menús dos centros públicos (escolares, hospitais, etc), facilitar base territorial ás persoas que a demandaren para a produción de alimentos e estabelecer medidas de cotas á seguridade social reducidas e adaptadas a este tipo de actividade produtiva”.
E piden ao Goberno Galego que “impulse unha marca de calidade que ampare e identifique os produtos da horta galega, que acadaren os requirimentos de calidade definidos en consenso co sector”.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).