Os alumnos do Agra Raíces fanse cosmopolitas en Londres
Non paramos de resaltar a importancia de ver mundo nos tempos de estudo. Consideramos claves esas excursións culturais por Europa, como fixeron o ano pasado a Roma os alumnos do IES Agra Raíces, ou eses intercambios lingüísticos con grupos, por exemplo, da Bretaña.
Desta volta, foron 14 alumnos e alumnas de 4º de ESO do IES Agra de Raíces, os que acompañados polos profesores Ana Belén Burgos e Pedro Márquez, visitaron durante seis días Londres. A viaxe que se iniciou o mércores de cinza, supón a fin da etapa de educación secundaria obrigatoria e serviu para coñecer lugares emblemáticos da capital inglesa, tales como o Tate Modern, o Big Ben, a mítica London Eye, a torre de Londres ou o Buckimgham Palace, entre outros. Neses días tamén houbo tempo para percorrer o museo de Historia Natural ou o British Museum e como non, o Hyde Park, un dos mellores parques urbanos do mundo.
Os alumnos e alumnas tamén gozaron do ambiente cosmopolita da cidade londinense percorrendo recoñecidas prazas e rúas como Picadilly, Trafalgar Square, China Town ou Oxford Street…, onde puideron presenciar diversos espectáculos ao aire libre. Ademais, tamén tiveron tempo para realizar alguna que outra compra nas famosas tendas Harrods.
En definitiva, una viaxe onde tanto alumnos coma profesores, gozaron da fascinante cidade londinense, vivindo momentos inesquecibles.