Por unha base loxística de Salvamento propia no porto refuxio de Brens
Continúan os ecos do Prestige soando con forza. E non só en clave de protesta, se non que tamén en clave de proposta. O pasado venres foi o BNG comarcal o que facía unha petición, reivindicando "unha base loxística permanente referente na resposta e emerxencia fronte accidentes marítimos no porto de Brens". Unha idea que vai na liña da petición de traslado de competencias en materia marítima do goberno Central á Xunta, outra das grandes necesidades postas sobre a mesa dende hai 11 anos pero que polo de agora non se leva a cabo.
O BNG presetará a iniaciativa no parlamento a mais de mocións nos concellos para a reivincdicación da base, considerando que "11 anos despois, a situación de desprotección da Costa da Morte ante a alta densidade de tráfico marítimo continúa a ser alta, e sometida a unha preocupante falta de previsión de resposta fronte a posibles accidentes."
Valoran que "o Prestige recórdanos que as autoridades estatais non teñen aínda despregado as necesarias actuacións para facer fronte, con garantías, ao risco certo que supón o paso de milleiros de buques polo Corredor Marítimo de Fisterra (dispositivo de separación de tráfico marítimo, polo que circulan máis de 40.000 buques anualmente dos que uns 14.000 considéranse perigosos), figurando recoñecida esta área pola OMI coma Zona Marítima Especialmente Sensible (ZMES)".
I é que "anualmente son moitos os episodios de emerxencia polo que pasan numerosos buques fronte ao Cabo Fisterra. Avarías que nalgúns casos son resoltas en alta mar, outras precisan de fondeo en lugares de abrigo da Costa da Morte, ou son remolcados a outros portos para a súa reparación. Ao que hai que engadir, e este é un feito a destacar moi importante, que o rescate e asistencia queda baixo o protagonismo de compañías privadas baixo réxime de concesión".
Tamén son innumerables os días de temporal que obrigan de seguido, a moitos dos buques que transitan, a buscar refuxio no Seno de Corcubión, en particular cando rexistran ademais problemas na navegación e que eles mesmos solventan con estas paradas.
A ría de Corcubión, o perfecto refuxio natural
Na navegación marítima mercante, o Seno de Corcubión acada relevancia por ser coñecido coma un dos principais lugares de refuxio natural nesta zona do Atlántico. A proximidade do Corredor, as idóneas condicións xeográficas coma abrigo natural (dos de máxima protección en Europa fronte aos ventos predominantes e correntes), fai que sexa coñecido coma un “lugar de refuxio exclusivo”. Feito perfectamente coñecido a nivel técnico polas administracións, sendo incluso moi mencionado a raíz do accidente do Prestige. A ampliación do Porto de Brens, en Cee, vén a ampliar as características de refuxio da zona.
Vista a especial exposición de risco que acontece no seno de Corcubión (principalmente na baía de Fisterra e bocana da ría de Corcubión), engadindo agora unha nova circunstancia coma é a entrada e/ou espera, e correspondentes manobras, de buques de maior eslora na bocana da ría e no porto de Brens en Cee, dende o BNG consideramos que existe un risco certo e elevado e, polo tanto, que debe ser atentamente vixiado, con vistas a garantir a tranquilidade da poboación local e a preservación dos recursos mariños.
Por tanto, para o BNG "entra dentro de toda lóxica que se o risco da zona é alto, pois tanto a dotación de medios coma a previsión de resposta deberá ser proporcional a esta conxuntura". "Consideramos que tanto polo número de buques que precisan aproximarse a estas augas costeiras coma pola proximidade do Corredor Marítimo de Fisterra, sobradamente queda xustificativa a necesidade de dispor de maneira permanente dos dispositivos humanos e materiais necesarios o máis próximo posible".
Apuntan que "prácticamente os recursos cos que conta a zona limítase á presenza do remolcador Don Inda, con importantes prestacións para afrontar continxencias dende o mar, pero que atende un importante arco marítimo da fachada Atlántica galega. Sen embargo, as bases loxísticas onde se almacena o material e os dispositivos de resposta atópanse afastadas, innecesariamente, desta zona de alto risco, concretamente na base habilitada no porto de Tragove (Cambados)e no polígono Vilar de Colo (Fene), o que lle resta unha importante capacidade de resposta operativa inmediata, fundamental para os primeiros momentos de calquera crise de accidente ou vertido mariño".
Por todo isto, dende o BNG solicita que "o Seno de Corcubión, conte no prazo máis inmediato posible dunha base loxística propia, dotado cos medios humanos e o equipo material de resposta e intervención fronte a urxencias por continxencia de accidentes mariños. Centro que debería ser modélico, e un referente a nivel Europeo, na proporción equivalente á importancia destas augas para a navegación mundial e ao risco que queda exposta. Tratándonse dunha base loxística que complete, necesariamente, a función do remolcador público que opera dende esta área marítima. Que dita base loxística se sitúe nas instalacións portuarias de Brens-Cee".
Seguemento especial do Prestige
- A Costa da Morte tamén á rúa e berra Nunca Máis.
- 14-11-13: Primeiras reaccións indignadas e resignadas sobre a sentenza do Prestige.
- 13-11-13: Nin un só culpable pola catástrofe do Prestige.
Fonte
- Nota de prensa do Responsable Comarcal do BNG Costa da Morte, Serxio Domínguez.