A Foliada de Abelleira vai collendo pouso
Este sábado, 6 de decembro, Surribos acolle desde as 19:00 horas a III Foliada de Abelleira. Unha cita organizada pola agrupación ‘Abelleira, E.’, coa colaboración do Concello de Muros, como deron conta na presentación realizada no Concello coa presenza de Deborah Piñeiro, Juan R. Rey
e Jorge Lago, presidenta, secretario e profesor da agrupación.
"Somos unha asociación nova e co pouco percorrido que temos facemos está foliada con moita ilusión, pero estamos sorprendidos coa acollida que está tendo, dende os veciños, grupos, establecementos comerciais, empresas, autónomos, concello... ninguén nos puxo unha mala cara nin nos pechou as portas, e así todo o traballo que custa montar a foliada lévase mellor", apuntan dende a entidade.
"A relevancia e o interese que está a coller a nosa música e as nosas cantigas é algo a ter moi en conta; de feito, nun ano pasamos de ter unha foliada con oito grupos e 50 músicos a ter unha foliada con 20 agrupacións e uns 200 músicos. Agardamos estar á altura", engaden.
Convidouse a todas as agrupacións folclóricas de Muros a participar nesta foliada e xa hai 20 confirmadas, con máis de 200 músicos!
Estarán tamén Foles e Ferreñas, do Centro Galego de Burgos, e a participación de Lupe Blanco, regueifeira.
